O persoal de Tecnocom retoma as mobilizacións en demanda da restitución das súas condicións laborais e o abono das compensacións

Os traballadores/as irán á folga todas as fins de semana a partir do próximo sábado 24

A Coruña -

Traballadoras e traballadores de Tecnocom que se encargar de dar soporte informático ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) retomaron este luns as mobilizacións para demandar á empresa que restitúa as condicións laborais de forma definitiva e acepte abonar as compensacións polos festivos traballados. O persoal realizou a protesta diante do hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela, onde está situado o seu centro de traballo.

Hai que lembrar que o persoal de Tecnocom vai iniciar folga indefinida durante as fins de semana a partir do sábado 24 de setembro,  até acadar unha solución definitiva ás súas reivindicacións. Previamente, o venres 23, está prevista unha nova protesta ás 11:00 horas, desta volta diante da Consellaría de Sanidade (no complexo administrativo de San Lázaro), á quen a representación social ten solicitada a mediación.

Coa folga e mobilizacións, os 18 traballadores e traballadoras que realizan este servizo demandan volver de forma permanente ás condicións de xornada, horario, quendas, salario e forma de pago anteriores á modificación unilateral decretada pola empresa;  así como o abono dos danos e prexuízos que a decisión ocasionou ao persoal durante o tempo en que foi efectiva.

Xunto a isto, piden unha compensación, económica ou en días libres, polos festivos realizados en horario diúrno e tamén pola cobertura dos festivos especiais en horario diúrno (24 de decembro, 25 de decembro, 31 de decembro, 1 de xaneiro, 6 de xaneiro).

Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas no SERGAS, polo que a folga terá repercusión tamén no funcionamento do sistema sanitario galego.

Volver