O persoal de Valoriza Auga segue adiante cos paros laborais en demanda dun convenio digno

Presentada denuncia na Inspección pola modificación das quendas de dous operarios
A Coruña - 10 Out 2018

Os traballadores de Valoriza Auga están secundando maioritariamente este mércores a terceira xornada de folgas parciais para esixir un convenio que lles permita recuperar os salarios perdidos nos últimos oito anos. Coincidindo co paro da quenda da mañá, o persoal volveu trasladar as súas protestas ás portas de EMALCSA para demandar da empresa municipal que axilice xestións coa súa concesionaria de cara a avanzar nas negociacións e poder chegar a un acordo.

Neste senso, o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, explicou que o pasado luns a representación do persoal reunirse co director de EMALCSA, a quen lle expuxeron a situación actual do conflito e demandaron a súa intervención para desbloquear a negociación do convenio, toda vez que a empresa municipal de augas é a titular do contrato e as posturas entre as partes están moi distanciadas.

Denuncia na Inspección

Filgueira sinalou tamén que a CIG vai presentar denuncia na Inspección de Traballo contra Valoriza Auga pola modificación das quendas de traballo de dous operarios sen a antelación suficiente; circunstancia que non comunicou no seu momento cando foron negociados os servizos mínimos. Para Filgueira esta manobra pon cuestión a boa fe da empresa e aínda que podía tratarse dun traballo programado, todo parece indicar que este cambio de quendas está relacionado coa convocatoria dos paros para os días 10 e 11.

Así as cousas, as folgas parciais de tres horas por quenda continuarán na xornada de mañá, xoves 11 de outubro, na que os traballadores teñen previsto concentrarse novamente ás 09:30 horas na sede de EMALCSA.