O persoal de Vitrasa opta pola folga indefinida ante a negativa da empresa a negociar o convenio

O comité realizou onte unha consulta entre os traballadores/as da concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, que optaron de xeito maioritario por endurecer as mobilizacións
Vigo - 03 Nov 2023

O cadro de persoal de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, decidiu onte de xeito maioritario convocar folga indefinida a partir do vindeiro sábado 25 de novembro ante a negativa da empresa a negociar o convenio colectivo e despois de que 13 traballadores/as fosen sancionados con 60 días de suspensión de emprego e soldo no marco dos paros parciais que se están a desenvolver.

A decisión foi adoptada despois da consulta realizada polo comité de empresa no día de onte entre os traballadores/as, que se celebrou nas propias instalacións da compañía de 5:00 a 00:00 horas e que rexistrou unha alta participación. Os resultados das votacións evidenciaron a aposta do cadro de persoal por endurecer as mobilizacións, xa que 214 persoas optaron por convocar folga indefinida, fronte ás 30 que se amosaron partidarias de suspender as protestas. Ademais, mantéñense as dúas xornadas de folga e as mobilizacións previstas para este mércores día 8 e para o xoves 9.

A folga indefinida dará comezo o vindeiro sábado 25 de novembro

Por outra banda, a representación do cadro de persoal envioulle un requirimento ao Concello de Vigo para que proceda á rectificación do decreto de servizos mínimos, tras a sentenza do TSXG que insta a corrixir a operativa por vulneración do dereito de folga.

Finalmente, insisten en que tanto a dirección de Vitrasa como o Concello de Vigo están a impedir unha posible solución ao conflito, a concesionaria coa súa negativa a negociar o convenio “xa que se atopa nunha posición moi cómoda con decretos de servizos mínimos feitos a medida”, e o Goberno local  “culpando a uns traballadores/as que unicamente defenden os seus lexítimos dereitos”.