O persoal do 112 pon en marcha unha campaña de “crowdfunding” para axudar a financiar a folga

Levan, a esta altura, 47 días de folga indefinida

Nacional -

A Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112, en folga desde o pasado 15 de abril, vén de facer pública unha campaña de financiamento colectivo, crowdfunding, coa que pretende recadar fondos para garantir a continuidade da súa loita, nunha xornada en que cumpren 47 días de paro indefinido. É a primeira vez que se lanza unha inciativa destas característica, no Estado español, para manter un paro prolongado como este.

A folga supuxo para o colectivo laboral perdas salariais que a día de hoxe superan xa os dez mil euros. Desde o inicio, as traballadoras e traballadores estableceron unha cota para distribuir equitativamente os custos entre a totalidade do persoal folguista.

Co obxectivo de impedir que a asfixia económica poida dificultar o avance das súas reivindicacións, abren agora unha nova vía de financiamento para que os sectores sociais sensibilizados coa súa problemática laboral e coa necesidade dun servizo de emerxencias de calidade poidan aportar o seu grao de area para colaborar co éxito da folga.

Quen queira apoiar economicamente a loita dos traballadores e traballadoras do 112 pode facelo a través do link htttp://www.goteo.cc/112

Tímidos avances da empresa

Na última xuntanza coa empresa producíronse tímidos avances xa que esta manifestou a súa disposición a incrementar a cantidade destinada a paliar as perdas económicas nos salarios derivadas do traslado á Estrada, até chegar aos 70.000 euros.

Porén esta cantidade supón só un incremento de 8€ por traballador/a que sumados aos 30€ que ofrecían antes, daría unha cantidade total de 38€. “Valorámolo positivamente porque  se abren vías para a negociación, pero estamos lonxe de chegar a un acordo”.

A asamblea de traballadores/as segue pedindo responsabilidades políticas á Xunta polos problemas de funcionamento da plataforma e que se incorpore tamén á negociación da compensación económica para os traballadores/as.

Volver