Seguimento total na folga dos centros de menores xestionados pola Fundación Camiña Social

A Coruña - 12 Xul 2023

A práctica totalidade dos traballadores e as traballadoras dos centros de menores  Concepción Arenal e CIEMA, ambos xestionados pola Fundación Camiña Social e situados na Coruña, están secundando este mércores a folga convocada para reivindicar a recuperación do poder adquisitivo dos seus salarios, a defensa do convenio colectivo propio e unha mellora do servizo que se presta ás persoas usuarias.

A CIG-Ensino destaca o enorme éxito da folga, malia os abusivos servizos mínimos impostos pola Xunta, que xa foron recorridos pola central nacionalista. Para dar máis visibilidade as súa protesta, o persoal realizou dúas concentracións nesta xornada. A primeira diante do centro Concepción Arenal en Palavea e a segunda no edificio administrativo da Xunta en Monelos até onde se desprazaron facendo unha caravana reivindicativa na que participaron uns 30 vehículos.

O centro Concepción Arenal e o centro de intervención educativa en medio aberto (CIEMA) están xestionados pola Fundación Camiña Social que, malia ter un superávit millonario nas súas contas, de máis de 6 millóns de euros, "mantén conxelados os salarios dos seus traballadores e traballadoras dende o ano 2014, escusándose nuns supostos balances económicos negativos dos últimos anos, que nada teñen que ver coa realidade da entidade", denuncian as delegadas e delegados da CIG. 

Agora, tras máis dunha ducia de xuntanzas sen avances desde 2021, primeiro negociando as táboas salariais e logo un novo convenio colectivo, a Fundación "segue instalada no inmobilismo" e incluso se negou a ir ao AGA a unha arbitraxe en equidade, tal e como regula o propio convenio no seu artigo 50.

Neste senso, reiteran que Camiña Social ten as contas saneadas para poder garantir a recuperación dos salarios e o enorme esforzo realizado durante a pandemia, cando o persoal tivo que soporta momentos durísimos, tendo mesmo que dobrar as quendas de traballo.

Diante desta desconsideración e desprezo a todo o seu persoal, acordouse por máis do 90% dos traballadores e traballadoras convocar esta primeira xornada de folga do 12 de xullo e realizar mobilizacións tanto nas instalacións de Palavea coma diante do edificio da Xunta de Galiza (xa que a administración autonómica é a responsábel deste servizo).

O obxectivo é reclamarlle á dirección "que abandone a súa postura inmobilista, que respecte os dereitos adquiridos no convenio propio e que aborde unha negociación real que permita ao persoal, cando menos, recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos e dignificar os seus salarios na liña de garantir o IPC nas súas táboas salariais actuais e futuras, así como outros dereitos laborais e sociais.

A este respecto, a representación sindical critica que a Fundación prime "facer músculo financeiro antes que recoñecer dereitos do persoal, que foron gañados a base de profesionalidade e compromiso"; e lamentan que Camiña Social pretenda escatimar "no máis importante para este tipo de entidades que traballan no ámbito social, que son os seus traballadores e traballadoras".

Por iso, agardan que a entidade tome boa nota da resposta dada hoxe polo persoal, cese no seu inmobilismo e se aveña a atender as lexítimas demandas das e dos traballadores. Porque, do contrario, xa advirten que intensificarán as mobilizacións e as medidas de presión.