O persoal do colexio Sagrado Corazón do Deza retoma as protestas para reclamar o pago dos salarios

Este mércores reiniciaron a folga indefinida e desenvolven concentracións a diario
Lalín - 12 Dec 2019

O persoal do colexio Sagrado Corazón do Deza afectado polos impagos de salarios retomou onte as mobilizacións en Lalín para reclamar a liquidación das débedas pendentes -entre catro e seis meses de soldos- e unha saída definitiva á súa problemática laboral. Dende a CIG-Ensino apuntan que a solución sería o cambio de propiedade do centro ou a presentación do concurso de acredores.

Diante desta situación de incerteza, as traballadoras/es afectadas/os -arredor de 20 persoas que desenvolven labores non docentes- optaron por reiniciar a folga e as protestas que suspenderan a mediados do mes de novembro ante a apertura de contactos entre a actual propiedade do colexio e dous empresarios interesados na súa adquisición. Un deles retirouse, e no outro caso continúan os contactos. 

O persoal decidirá este venres en asemblea se continúa coa folga indefinida

A situación do persoal é límite, xa que a maioría leva entre catro e seis meses sen ingresar unha nómina, xa que a dirección unicamente abonoulle dous meses de atrasos a algunhas traballadoras/es. “Por iso se retomou a folga indefinida e as protestas, para esixir que paguen os salarios e tomen xa unha decisión que remate coa venda do centro ou coa presentación do concurso de acredores”, sinalan dende a CIG-Ensino de Pontevedra.

Diante disto, as afectadas/os continuarán este venres coas concentracións que desenvolven a diario diante do Sagrado Corazón de Lalín de 12:30 a 13:30 horas, ao tempo que celebrarán unha asemblea para decidir se continúan coa folga indefinida.