O persoal de limpeza do Hospital Clínico mobilízase para esixir a readmisión dunha traballadora

O comité denuncia que a nova adxudicataria incumpre os acordos que lle permitiron gañar a contrata
Compostela - 29 Dec 2017

O persoal do servizo de limpeza do Hospital Clínico acordou en asemblea iniciar mobilizacións polo incumprimento dos acordos e do propio convenio colectivo por parte da nova adxudicaria, Grupo norte, co coñecemento e consentimento da Xerencia do CHUS. A primeira concentración tivo lugar a primeira hora de hoxe e xa anunciaron que continuarán nas próximas semanas de non se reincorporar á traballadora despedida.

O comité de empresa denuncia que o Grupo Norte se negou a subrogar a unha traballadora, que foi despedida co cambio de concesionaria. Entenden que esta decisión supón un flagrante incumprimento da oferta técnica feita por ela mesma e que lle deu os puntos grazas aos que gañou a adxudicación do servizo.

Unha oferta segundo a que se comprometía a incrementar o número de traballadores/as diarios en máis de sete. Porén, desde o día 3, data na que comezou a operar,  non fixo efectivo ese compromiso, que tampouco se reflicte no cuadrante para o vindeiro mes que acaba de trasladar ao persoal.