O persoal do SPDCIF manifestarase en Compostela o 1 de setembro para denunciar o desmantelamento do servizo

Denuncian a precarización das condicións de traballo, a falta de medios materiais e humanos e a inestabilidade laboral que sofren

Compostela -

As organización sindicais CIG, CCOO, CSI•F e UGT veñen de presentar un escrito dirixido á Consellaría de Facenda, tras da ruptura do diálogo por parte da Administración, para que o departamento autonómico volva á mesa de negociación e se aborden e solucionen os graves problemas que afectan ao SPDCIF. Anuncian ademais a convocatoria dunha manifestación, o vindeiro 1 de setembro, ás 11:00 horas, na Praza do Obradoiro.

As organizacións sindicais denuncian a situación de emerxencia á que o goberno da Xunta levou o Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), co seu desmantelamento paulatino a consecuencia das “políticas de disgregación” dunha parte do dispositivo e a privatización doutra.

Consideran que esta “irresponsable” fragmentación levada a cabo pola Consellería do Medio Rural do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais, a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, “está prexudicando gravemente a eficiencia do que sempre foi un servizo público de contrastada eficacia coa única fin de servir a escuros intereses económicos e electoralistas”.

Xunto a isto denuncian a precarización das condicións de traballo, a falta de medios, tanto materiais coma humanos, así como a inestabilidade laboral e profesional á que o goberno da Xunta quere condenar os profesionais do SPDCIF. Unhas condicións que “poñen en grave risco a capacidade do servizo nas tarefas de extinción e prevención de incendios e supón unha gravísima neglixencia por parte dos seus responsables”, aseguran.

Denuncian ademais o incumprimento do Goberno do Partido Popular respecto ao seu compromiso público de recoñecemento da profesión de bombeiro forestal e a súa teima en manter de forma ilegal aos traballadores e traballadoras da extinción de incendios como “peóns forestais e da caza”, o que “impide o acceso do colectivo ao recoñecemento de enfermidades profesionais propias do traballo desempeñado e o recoñecemento dos correspondentes dereitos legais a redución da idade de xubilación”.

Por iso teñen convocada a mobilización do vindeiro día 1 de setembro e reclaman que se retomen as negociacións, entendendo que “só a través do diálogo pode acadarse unha solución satisfactoria para os graves problemas que afectan o SPDCIF”.

Volver