O persoal da ruta Viveiro-Ribadeo non subrogado, a piques de cumprir un mes "en terra de ninguén"

A CIG denuncia que non haxa avances para o rescate efectivo da concesión a Autos Morán

A Mariña -

A FGAMT-CIG xa advertía a semana pasada, tras o anuncio da Consellaría de Infraestruturas, das dúbidas a respecto dos prazos ou da disposición efectiva para proceder ao rescate da concesión da liña Viveiro-Ribadeo (XG-533), adxudicada á UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez, quen se negou a asumir á totalidade do persoal de Arriva Noroeste subrogábel para este servizo.

"Lamentablemente os feitos volven darnos a razón", afirma o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, pois transcorridos sete días dende a reunión da Comisión de Seguimento, "non se ten dado sequera un paso formal tendente ao rescate da concesión". A situación reviste unha gravidade importante tendo en conta que os traballadores afectados pola non subrogación "entran no primeiro mes en terra de ninguén".

Xunto a isto, a proximidade do inicio do curso escolar seguramente xere maior confusión entre as usuarias e os usuarios xa que, por primeira vez, porase en marcha o modelo de transporte escolar compartido.

Para o responsábel comarcal da FGAMT-CIG, a demora excesiva na formalización do rescate "unicamente pode favorecer artimañas da adxudicataria actual, Autos Moran, quen leva explorando nas últimas datas afondar en posíbel contratacións eventuais entro o persoal afectado". Uns feitos que, apunta, afondan no incumprimento das obrigas de subrogación e, "no que é a consecuencia práctica, a falta de pagamento dos salarios do mes vencido". A este respecto, considera que, "á luz do acreditado até o presente, prevese como unha responsabilidade exclusiva de Autos Morán".

Volver