O persoal dos PAC vigueses denuncia a súa expulsión dunha xuntanza co conselleiro de Sanidade

As profesionais de atención primaria foran convocadas/os para expresar “opinións, visións e necesidades”

Vigo -

As traballadoras/es dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Vigo denuncian publicamente a súa expulsión na tarde de onte da xuntanza que mantiñan no hospital Meixoeiro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, á que o persoal de atención primaria fora convocado para expresar as súas “opinións, visións e necesidades”.

Segundo critican, malia que se fixo unha convocatoria extensiva a todas/os as profesionais instando a encher o salón de actos e incluso colgando a convocatoria nos taboleiros de información, a dirección da EOXI, encabezada polo xerente, “convidounos a abandonar o salón de actos acusándonos de 'violentar' coa nosa presenza a reunión na que nos atopabamos de xeito pacífico sentadas/os para agardar a nosa oportunidade para expresar e dar a coñecer a nosa situación”. 

Instáronos a abandonar o salón de actos acusándonos de 'violentar' a reunión

Como consecuencia, as profesionais presentes no acto sentíronse agredidas/as e ninguneadas/os xa que “percibimos claramente que eramos persoas 'non gratas' e que non interesaba dialogar con nós, polo que abandonamos o salón de actos, non sen antes entregarlle ao conselleiro as nosas reivindicacións por escrito, momento no que insistiu en que non era o foro para falar dos nosos problemas”.

Precisamente para abordar as súas reivindicacións foron convocadas para este venres 27 a unha comisión técnica que se celebrará na sede do Sergas en Santiago ás 11:00 horas. Na reunión negociarán os 11 puntos básicos que demandan, comezando pola xornada laboral: que a xornada efectiva non supere as 1451 horas anuais, e que calquera exceso de xornada debe de ser voluntaria, incentivada e por tramos. Coincidindo coa xuntanza desenvolverán unha concentración a partir das 10:30 horas.

As outras 10 cuestións que reivindican pasan por contar con equipos completos para o persoal médico e de enfermería en todos os PAC; por que se respecten os tempos de traballo conforme ás directivas europeas; eliminar dos obxectivos as “derivacións hospitalarias” ou calquera outro tipo de eufemismo para referirse a estas; e que se doten os PAC en base a criterios de carga asistencia, dispersión xeográfica e distancia ao hospital de referencia; o pago do 100% dos complementos de nocturnidade e festividade con carácter retroactivo dende 2010.

Tamén se demanda o cómputo neutro para os permisos retribuídos. Que se conten como xornada laboral as asistencias ás reunións coa Xerencia. Que as dietas de domingos e festivos sexan abonadas polos conceptos de xantar e cea. A elaboración dos calendarios de quendas dándolle prioridade ao persoal propio dos PAC. E que se dote de EPI's a todo o persoal que traballa nos PAC, sexa fixo, en formación ou eventual; neste punto reclaman tamén un circuíto de limpeza que evite ter que lavar a roupa no domicilio persoal e que asegure a súa disposición na seguinte quenda de traballo.

Volver