O persoal pontevedrés de Linorsa mobilízase para esixirlle á empresa o pago dos salarios e das extras

Houbo protestas no Príncipe Felipe e no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra, nos Xulgados de Vigo e no ambulatorio de Vilagarcía
Vigo - 26 Xan 2016
Traballadores/as de Linorsa na provincia de Pontevedra desenvolveron esta mañá distintas mobilizacións en Vigo, Vilagarcía e Pontevedra para reclamarlle á empresa o pago dos salarios e das pagas extras que lles adebeda. O persoal da compañía concesionaria do servizo de limpeza das dependencias de numerosas administracións públicas galegas reclama a rescisións dos contratos en que outra firma se faga cargo dos traballos.

(Imaxes das protestas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía)

Un nutrido grupo de empregados/as de Linorsa na provincia de Pontevedra protagonizou hoxe unha intensa xornada de mobilizacións para reclamarlle á dirección que liquide as débedas pendentes co cadro de persoal.

Deste xeito, desenvolveron concentracións de protesta ás portas dos Xulgados de Vigo, diante do ambulatorio de Vilagarcía e no Príncipe Felipe e no centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra. No caso da cidade do Lérez, unha representación dos traballadores/as mantivo xuntanzas coa Deputación, co Concello e coa Xerencia do Sergas.

Ao igual que nas mobilizacións que tiveron lugar días atrás noutros puntos do país, nas protestas desta mañá tamén se berraron consignas reclamando o pago dos salarios e instando ás administracións públicas a rescindir os contratos de limpeza que manteñen coa empresa para que outras compañías poidan asumir os traballos.