O persoal técnico do SPIF converte a protesta desta fin de semana nunha homenaxe ás vítimas do accidente mortal de Lobios

Concentráronse diante da Xunta en Lugo en apoio das familias e dos profesionais que loitan contra o lume
Nacional - 10 Ago 2020

O persoal técnico do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF) da Consellaría de Medio Rural, en folga indefinida dende o pasado 1 de agosto para reclamar melloras laborais e maior eficacia na organización do operativo, converteu a protesta deste domingo en Lugo nunha homenaxe ás vítimas do accidente no que faleceu o piloto dun hidroavión que participaba na extinción dun lume en Lobios o pasado sábado.

Con esta mobilización, convocada polas organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, os traballadores/as do SPIF quixeron trasladarlles as condolencias ás familias dos afectados no accidente mortal “e moito ánimo para todo equipo de profesionais que traballan na extinción de incendios forestais”.

Dende que comezou a folga o pasado sábado 1 de agosto están a desenvolver concentracións de apoio á folga nas catro provincias con carácter rotativo cada dous días. Tras a deste domingo en Lugo, mañá martes terá lugar unha nova acción de protesta en Ourense.

Dende o colectivo explican que cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 desfasado polos cambios na Consellería, e coa distribución de persoal e as condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais, “non temos asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais, o que deixa desprotexido o servizo público”.

Por iso reiteran que non reclaman un aumento de soldo, senón unha mellor organización do traballo, melloras na seguridade e aumentar o cadro de persoal nos lugares cunha alta carga de traballo. “Loitamos contra os abusos horarios que nos impón a Xunta ao facer gardas de 24 horas cunha media de 500 horas ao ano por riba do calendario medio dos empregados públicos; e no caso dos xefes de distrito ter unha dispoñibilidade de 24 horas, sete días á semana”.

Lembran que o dispositivo de extinción de incendios está formado por unhas 6000 persoas. Dese equipo de profesionais, pouco máis de 120 persoas teñen o cometido de coordinar e xestionar todos os medios na extinción de incendios. “Somos os que nos estamos a mobilizar esixindo un novo acordo para as nosas condicións de traballo e tamén para lograr unha resposta máis eficaz do servizo público que representamos, tanto na extinción e prevención dos incendios forestais como na xestión forestal dos nosos montes".

Próximas mobilizacións

Para darlle maior visibilidade ao conflito, ademais da folga, o persoal continuará coas concentracións periódicas na sede da Xunta e nos edificios administrativos onde se sitúan os centros de coordinación provinciais, nos seguintes días de agosto:

Ourense: 11 e 19 de agosto.

Pontevedra: 13 e 21 de agosto.

A Coruña: 15 e 23 de agosto.

Lugo: 17 e 25 de agosto.