O pleno das Neves aproba por unanimidade unha moción de apoio á loita do persoal de Servicarne

Unha representación dos falsos/as autónomos/as dependentes de Frigolouro reuniuse co alcalde da localidade pontevedresa
Vigo - 16 Mai 2016
A corporación municipal das Neves aprobou por unanimidade no pleno celebrado este sábado unha moción de apoio á loita dos falsos/as autónomos/as de Servicarne na que se insta a Frigolouro a modificar os acordos contractuais coa empresa catalá para igualar as condicións laborais de todo o persoal. Unha representación dos traballadores/as mantivo antes unha xuntanza co alcalde da localidade pontevedresa para abordar un conflito laboral que tamén foi analizado cos empregados/as de Coren nunha asemblea celebrada o xoves pasado en Ourense.

Na sesión plenaria celebrada o sábado nas Neves debatiuse unha moción tramitada polo Goberno municipal (BNG e PSOE) na que se insta a Frigolouro a a modificar os acordos contractuais coa cooperativa de traballo asociado Servicarne coa finalidade de igualar as condicións laborais dos traballadores/as autónomos/as que prestan servizo na empresa de procesados cárnicos coas do persoal propio.

No texto tamén se reclama o apoio da corporación municipal á loita e ás reivindicacións dos afectados/as e solicítaselle á dirección xeral de Traballo que interceda no conflito laboral co fin de reclamarlle a Frigolouro que atenda as demandas do persoal autónomo. Finalmente, instan á Xunta e ao Goberno central a modificar a lexislación laboral para evitar situacións de explotación e escravitude.

O encargado de defender a moción, que saíu adiante co apoio de todos os grupos da corporación, foi o propio alcalde, o nacionalista Xosé Manuel Rodríguez. Na sesión tamén tomou a palabra un empregado de Servicarne, que explicou os detalles do conflito aberto na empresa para denunciar a explotación laboral á que están sometidos/as e reclamar unhas condicións de traballo dignas.

O día anterior unha representación do persoal autónomo de Servicarne mantivera unha xuntanza co rexedor en dependencias municpais para explicarlle polo miúdo as súas reivindicacións e solicitarlle o apoio do Goberno local á súa loita.

A presentación de mocións de apoio por parte do BNG continuará o vindeiro mércores en Ponteareas, despois da aprobada recentemente polo pleno do Porriño.

Por outra banda, a FGAMT-CIG celebrou este xoves unha asemblea con traballadores/as de Servicarne que desenvolven a súa actividade na planta principal de Coren -grupo empresarial ao que pertence Frigolouro- en Ourense. Durante o encontro, que se celebrou no local do sindicato na cidade, abordáronse os detalles do conflito laboral a situación que padecen os traballadores/as da cooperativa de traballo asociado.