O profesorado afectado polo peche de centros descoñece en que situación quedará para o curso seguinte

Transcorridas case dúas semanas desde a Mesa Sectorial, a orde aínda non se publicou no DOG

Nacional -

Logo dun final de curso protagonizado pola arremetida da Consellaría contra o ensino público galego, co peche de centros educativos e o traslado de ensinanzas da ESO e co importante recorte de aulas e postos de traballo do corpo de mestres publicado no DOG a finais de mes de xullo, o profesorado afectado polo peche de centros nas Pontes, Outes, Ribadavia e O Porriño aínda non sabe se vai ter que adscribirse aos centros receptores ou se terá que elixir destino provisional para o curso 2017/18.

Máis de dúas ducias de docentes dos centros afectados están a estas alturas, xa co mes de vacacións ás portas, sen ter sido convocados para o preceptivo claustro de profesorado no que se decide quen quedará suprimido e quen quedará no centro receptor. A situación, explican dende CIG-Ensino, ten especial relevancia para o profesorado de secundaria dos centros das Pontes, Ribadavia e O Porriño, xa que é onde se concentran as supresións.

Tendo en conta as datas nas que estamos e coa adxudicación de destinos provisionais de mestres prevista para hoxe, venres 28 e fixada para se publicar para secundaria o luns 31, o profesorado que fique sen destino definitivo non terá as mesmas garantías que o resto do profesorado en expectativa ou interino, xa que non haberá ningún prazo para reclamar, ao poder participar só directamente nos días previos á adxudicación definitiva. "Unha vez máis, o persoal docente é desconsiderado pola Consellaría, comezando as vacacións sabendo que terá que participar no proceso de adscrición a principios de setembro", denuncian.

A improvisación da Consellaría chega ao extremo de que a orde que pasou pola Mesa Sectorial do 18 de xullo foi modificada con posterioridade, incrementando dous postos no IES do Ribeiro de Ribadavia, mais aínda non se publicou no DOG, case dúas semanas despois de ter sido debatida coas organizacións sindicais. Como noutras moitas ocasións, á política mercantilista de desgaste do ensino público, a Consellaría une a mala xestión e o desprezo polo profesorado, que chegará á primeira semana de setembro sen saber, en moitos casos, en que centro estará o curso seguinte.

Volver