O profesorado de lingua galega poderá participar na formación PIALE para lingua portuguesa

A CIG-Ensino conseguiu que se aprobara na Mesa Sectorial na que se trataron tamén as ordes polas que se convoca concurso para Direccións de centros e Equipos de Orientación Específicos
Compostela - 16 Mar 2016
A consellaría de Educación  accedeu este martes, na Mesa Sectorial, a facilitar a participación do profesorado de lingua galega nos cursos PIALE para formación en lingua portuguesa, atendendo así á demanda da CIG-Ensino. Unha Mesa Sectorial na que se trataron tamén, entre outras cuestións, as ordes para direccións de centros e equipos de orientación específicos e na que se demandou, máis unha vez, a derrogación da LOMCE.

Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino, lembra que “a CIG-Ensino reclamou ano tras ano que se modificase a Orde de xeito que se permitise o acceso do profesorado de galego a estes cursos, pois ten a titulación e a formación axeitada para impartir a materia”. Por iso considera que ao aceptar a consellaría esta demanda “desfaise unha inxustiza, porque este profesorado é o que está a impartir a materia de portugués até agora e, porén, non se lle permitía acceder á formación nesta lingua, o que non tiña ningún tipo de xustificación”

Xunto a isto, a Consellaría incrementou a oferta de prazas para formarse en portugués, de acordo tamén co que demandara a CIG-Ensino, quen insistía na necesidade deste incremento para dar cumprimento á Lei Paz Andrade aprobada por unanimidade no Parlamento galego.

Con todo, a CIG-Ensino volveu manifestar o seu desacordo cunha formación en linguas que a consellaría utiliza como instrumento para potenciar os centros plurilingües e as seccións bilingües, dentro do seu deseño de potenciar a lingua inglesa en detrimento da nosa lingua propia.

Para a CIG-Ensino esta formación debería estar destinada á adquisición de maior competencia en linguas estranxeiras para o conxunto do profesorado. O número total de prazas, 150, e o orzamento asignado, 505.000 €, son completamente insuficientes.

Concurso para o nomeamento das Direccións dos centros.

Na Mesa tratouse tamén a orde de nomeamento da Direccións que este ano se convoca en 177 centros (79 na Coruña, 14 en Lugo, 12 en Ourense e 72 en Pontevedra). A este respecto, a CIG-Ensino rexeitou a proposta de Educación e manifestou a súa oposición a unha orde que, de acordo co marco lexislativo que impón a LOMCE, consolida un modelo de xestión dos centros antidemocrático e calcado da empresa privada en que o director ou directora é propiamente un xerente que, desde a publicación da LOMCE, é directamente nomeado pola Consellaría, aínda que formalmente se convoque unha comisión, pois nela a Administración ten a maioría.

A CIG-Ensino propuxo que o único requisito para ser director ou directora dun centro sexa ser profesor con destino definitivo no mesmo e ter o apoio do claustro e consello escolar. Ademais, Louzao manifestou que “esta orde, que instaura unha xestión antidemocrática dos centros, é unha evidencia máis da necesidade de seguirmos a reclamar a derrogación da LOMCE. E facemos un chamamento ao profesorado que presente a súa candidatura á Dirección para que conte de antemán co apoio do Claustro de profesores e profesoras e do Consello Escolar”.

Equipos de Orientación Específicos

Na Mesa tamén se tratou o Concurso aos Equipos de Orientación Específicos (EOE). Unha demanda que a CIG-Ensino realizou por escrito diante da Consellaría o pasado 15 de decembro. Por medio desta Orde a Consellaría saca a concurso 2 prazas en Lugo, 1 en Ourense, 2 en Pontevedra e na Coruña as que se produzan pola mobilidade do profesorado. En relación con isto, a CIG-Ensino reclamou que se incrementase unha praza de sobredotación intelectual na Coruña.

Ademais manifestou que a actual distribución dos EOE, un por cada provincia, está obsoleta, pois non ten en conta a realidade poboacional actual. Por iso exixiu unha revisión da estrutura dos EOE mediante a súa comarcalización, procurando que exista un EOE por cada 20.000 alumnos/as. Por este motivo propuxemos, como saída de urxencia, que se cree un equipo en cada unha das sete cidades: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Vacantes do Concurso de Traslados

No apartado de Rogos e Preguntas, a CIG-Ensino denunciou a negociación de vacantes, especialmente en Pontevedra, onde as negociacións remataron despois da publicación da relación provisional de vacantes, e na Coruña, onde aínda non finalizou a negociación. Anxo Louzao criticou que “a Consellaría aproveitara o Concurso de Traslados para amortizar 576 prazas que se produciron por xubilación e que non foron ofertadas neste Concurso de Traslados”.

Denunciou que se ofertasen prazas de perfil bilingüe entendendo que o acceso a unha vacante non pode estar determinado polo nivel de coñecemento dunha lingua estranxeira, por máis que sexa nun centro plurilingüe, como pretendía xustificar a Consellaría.

Denunciou tamén a adxudicación dunha praza na Escola de Conservación de Pontevedra e pediu que se revisase o caso por entender que “se está a adxudicar unha praza dunha especialidade que non existe no centro, que non foi creada e que non se está a impartir.”

Preguntada pola CIG-Ensino a Consellaría respondeu que a Adxudicación definitiva do Concurso podería ser a finais de abril, principios de maio.

Derrogación da LOMCE:

Finalmente, no apartado de Rogos e Preguntas, o Secretario Nacional da CIG-Ensino reclamou a derrogación da LOMCE. O calendario de aplicación desta lei prevé que a finais deste curso, ademais da proba de 3º, haxa que realizar a de 6º de Primaria. Anxo Louzao adiantou que “imos facer un chamamento para que estas probas finais non se realicen. E isto mesmo lle reclamamos á Consellaría.”