O profesorado galego non se vende, nin se rende
O profesorado galego protagonizou un intenso calendario de mobilizacións, ao longo do mes de novembro, demostrando que nin se rende, nin se vende e facendo patente a súa integridade fronte ás mentiras e manipulacións que se viñeron vertendo durante este período, co obxectivo de que o acordo asinado polos sindicatos minoritarios do ensino coa Consellaría de Educación pasase sen contestación ningunha.
Mais non foi así, a participación do colectivo docente foi masiva nas manifestacións, na folga e nos diversos actos convocados pola CIG-Ensino, STEG e CSIF para manifestar o seu rexeitamento ao que xa pasará á historia como o acordo “da vergoña”. Mobilizacións produto dun malestar acumulado durante anos e que se tornou, nas últimas semanas, nunha queixa colectiva para deixar constancia de que non están dispostos a tragar co que lles poñan diante. Unha resposta social que agromou da conciencia xeral de que este colectivo profesional está a ser desprezado pola administración.
Esta aldraxe queda perfectamente clara ao constatarse no proxecto de orzamentos da Consellaría de Educación para 2024 que non incrementa nin un só posto de traballo con respecto a este ano no capítulo de persoal e que tampouco destina máis fondos para unhas medidas “totalmente de saldo” incluídas no acordo: a redución das ratios en Infantil de 3 anos e unha suba salarial de 5€ ao mes con carácter xeral, acompañada doutras subas que, sendo escasas, teñen como principal eiva segregar o profesorado.
Tras do éxito das mobilizacións, dun “novembro de loita” e das dúas xornadas de folga os sindicatos convocantes exixen unha xuntanza co conselleiro de Educación, que nin sequera respondeu ao chamado que lle fixeron para sentar a negociar. Por iso, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello cuestiona a capacidade como interlocutor dun responsábel político que goberna de costas á vontade maioritaria do profesorado e insta a Román Rodríguez a formar parte da solución a este conflito, o maior en 14 anos de goberno do PP, ou a botarse a un lado.
Proposta de mínimos imprescindíbeis
CIG-Ensino, STEG e CSIF fan un chamamento á rectificación da Consellaría e demandan que se negocie arredor dunha proposta de mínimos que pasa por:
- A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en infantil e primaria nun máximo de 2 cursos.
- A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
- A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e titoría e co aumento de persoal administrativo.
- Repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.