O profesorado mobilízase contra a suposta homologación que ofrece Educación

A CIG-Ensino convocou concentracións nas sete cidades
Nacional - 15 Xun 2018

As cidades galegas acolleron este xoves mobilizacións do profesorado, convocadas pola CIG-Ensino, en denuncia da suposta “homologación” ofertada pola consellaría de Educación que só supón, de media, 8,23€ ao mes até finais de 2020.

A federación lembra que xa rexeitou o acordo asinado polo goberno do PP e os sindicatos estatais, no que se establecía que as diferentes administracións poderían aprobar subas salariais para o seu persoal dun 0,3% da masa salarial total nos anos 2018, 2019 e 2020. Agora critica ademais á Consellaría por converter nunha fraude a negociación das retribucións docentes. De feito, coa suba de 10 euros de outubro a decembro deste ano, a Xunta aforraríase case 80 euros por docente só no ano 2018.

A CIG-Ensino considera que a Consellaría de Educación e a Xunta de Galiza “confírmanse así como auténticas sucursais de Madrid e demostran unha actitude mesquiña co seu profesorado”.

Tal e como se coñeceu na Mesa Sectorial e xa denunciou a CIG-Ensino, ademais do veto a abrir a negociación a calquera cuestión que non fora a situación salarial do profesorado galego no ranking dos territorios do Estado, as contías da proposta económica da Consellaría estaban marcadas de antemán, polo que tampouco neste aspecto existiu unha negociación real, senón unha escenificación de cara á galería.

Confírmase así, para a CIG-Ensino, que a decisión da Xunta foi sempre utilizar a suba salarial do 0,3% da masa salarial para cubrir o incremento retributivo do colectivo docente, impedindo, deste xeito, que o diñeiro vinculado ao 0,3% poda acumularse ao incremento que se negocia en concepto de homologación do resto do profesorado do Estado.

Así pois, a Consellaría durante todo este tempo estivo “negociando” cunha partida que xa formara parte doutra negociación previa, no marco da Mesa estatal, e que xa estaba pechada. “Este sometemento ao que determina o Ministerio de Facenda contraponse con outros acordos salariais asinados recentemente por outros colectivos de funcionariado público que en ningún caso se cinguiron a este tope do 0,3%, tanto en Galiza como noutras administracións do Estado”, sinala a CIG-Ensino.

Suba para este ano de 40€ en total

Porén, a actitude da Consellaría aínda vai máis aló do sucursalismo, xa que a súa proposta de suba salarial (80 euros distribuídos en catro prazos: 10 euros de outubro a decembro deste ano, 15 en 2019, 25 en 2020 e 30 en 2021) non chega sequera en 2018 a esa limitación do 0,3% da masa salarial total anual. Segundo datos oficiais dos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza, para este ano a suba de 40 euros en total (se temos en conta que os 10 euros na paga extra de Nadal se cobren íntegros) quedaríase case 80 euros por debaixo dos 119,54 euros que supón o 0,3% da masa salarial total anual que se lle podería subir a cada docente galego este ano de acordo co acordo asinado en Madrid. No 2018 a Xunta aforra cartos coa proposta.

Os datos para os vindeiros dous anos tampouco son moi diferentes. A contía vinculada ao 0,3% en 2019 sería de 122,23 euros anuais de suba para cada docente. Se lle engadimos os preto de 80 que non vai gastar este ano suman 201,77 euros. A proposta da Xunta de 15 euros no 2019 implica que tan só pon a maiores 8,23 euros anuais máis para cada docente da cantidade que establecía o acordo de Madrid.

Estendendo o cálculo até o ano 2020 e partindo de que neste período de tempo os fondos adicionais son comúns a todo o persoal público do Estado, o montante total que se pode considerar propio dunha proposta de homologación é de 233,23 euros desde outubro de 2018 a decembro de 2020, o que supón unha media de de 8,23 euros mensuais. Iso é que destina a Consellaría á  hipotética homologación.

“É unha estafa”

Para a CIG-Ensino “non só estamos diante de cantidades totalmente insuficientes. Tamén falamos de negociar dúas veces cos mesmos fondos e de impedir que varios acordos salariais podan acumularse”.

O feito de que o uso deses fondos adicionais só aparecese no último documento é “boa mostra da fraude na negociación” e, como mantivo a CIG-Ensino desde o comezo das reunións, “é imposíbel que contribúan non xa a recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos de recortes nin todo o que nos foi roubado senón sequera a acadar unha equiparación co resto do profesorado do Estado”.