O recorte orzamentario en Correos afonda na precariedade laboral e no desmantelamento do servizo

Na CIG denuncian a falta de contratación e a amortización de milleiros de empregos
Nacional - 05 Xun 2017

O sector de Correos da CIG-Administración vén de denunciar que o recorte de 60,5 millóns de euros na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos aprobado nos Orzamentos Xerais do Estado afondará na precariedade laboral e no desmantelamento do Servizo Postal Universal. Dende a central advirten que esta redución presupostaria deteriorará aínda máis un servizo que nos últimos anos estase a ver afectado pola falta de contratación e pola amortización de postos de traballo.

Segundo explican, este recorte orzamentario incidirá dun xeito moito máis negativo en Galiza que no resto do Estado, “tanto pola súa especial configuración xeográfica como pola idade e dispersión da súa poboación”. Ademais, lembran que o servizo postal atópase moi deteriorado nos últimos anos pola falta de contratación e pola amortización de milleiros de postos de traballo, impedindo en moitos casos que os cidadáns non reciban diariamente o correo nos seus domicilios nas grandes cidades, situación que se agrava dun xeito moi especial no rural.

Impacto dos recortes:

-Redución de 20.000 postos de traballo.

-Uns 1000 puntos de atención menos.

-Eliminación de 1113 carteiros/as rurais.

“Na CIG estamos moi preocupados/as polo recorte que quere impoñer o Goberno español a Correos pois esquécese de que é un servizo público, e ten encomendado por lei o Servizo Postal Universal. Como servizo público debe de garantir un acceso en condicións de igualdade non discriminatorias e a un prezo alcanzable a todos/as os cidadáns con independencia da súa residencia, algo endemicamente deficitario polas súas condicións de prestación”.

Benvida aos sindicatos estatais

Ao mesmo tempo, sinalan que nos últimos oito anos as políticas de recortes en Correos significaron uns 20.000 postos de traballo menos, 1000 puntos menos de atención en pequenos núcleos de poboación -o que afecta máis directamente a Galiza por ter no seu territorio un 50% destes núcleos de poboación- 1113 carteiros/as rurais menos en todo o Estado e un longo etcétera de recortes.

Por outra banda, dende a CIG dánlle a benvida a esta loita aos sindicatos estatais CCOO, CSIF, UGT e SL, “loita que a CIG vén desenvolvendo dende hai moitos anos para reverter esta política de recortes practicada polos sucesivos Gobernos”.

Finalmente, sosteñen que continuarán a reivindicar uns servizos postais de calidade e usarán todos os medios ao seu alcance para ter un correo diario a prezos asequibles no noso país, “como por outra banda manda a Directiva Postal Europea e a propia Lei Postal, non desbotando ningún tipo de mobilización para conseguilo”.