O rescate neoliberal de Grecia

Hedelberto López Blanch -

Despois da fonda crise económica mundial de finais de 2008, que tivo o seu comezo en Estados Unidos, Grecia dependeu de miles de millóns de euros de empréstitos internacionais para manter a súa deprimida economía.  En 2017, xa máis do 75 % dos fogares helenos sufriran a redución dos ingresos

 A Unión Europea acaba de anunciar aos catro ventos que finalizou o programa de rescate a Grecia pero o país heleno aínda permanecerá varios anos baixo a supervisión das institucións internacionais. Daquela, cumpriría preguntarse se esa nación poderá algún día recuperar a súa independencia financeira.

 Entre 2010 e 2018 a Troica (Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional) prestaron a Grecia un total de 288.700 millóns de euros en tres rescates . O primeiro deles tivo lugar en 2010, o segundo en 2012 e o terceiro, o que acabou este 20 de agosto, comezou en 2015.

 A partir de 2004 Grecia comezou a padecer problemas económicos cun déficit do 6 % do PIB e unha débeda de 48.000 millóns de euros, que a principios de 2015 se elevou a 330.000 millóns de euros.

 Desde 2005 o país foi sometido ao control fiscal da Comisión Europea e en 2009 a Troica iniciou os multimillonarios rescates aos bancos e a implantación de violentas medidas de austeridade aplicadas con intransixencia que levaron o país ao afundimento do seu sistema político e económico.

 Como sempre ocorre, a táctica neoliberal utilizada para continuar o saqueo dos países que caen baixo a súa éxida, foi a de entregar os rescates financeiros aos bancos privados para que estes, á súa vez, paguen as débedas que o Estado adquiriu con outros bancos, o que provoca un maior endebedamento ao sumarse os altos impostos acordados.

 Para a entrega dos empréstitos, a Troica impuxo leoninas medidas de axustes e austeridade co “dereito” a supervisalas permanentemente, co cal o país perdeu practicamente a soberanía financeira, política e social.

 Despois da fonda crise económica mundial de finais de 2008, que tivo o seu comezo en Estados Unidos, Grecia dependeu de miles de millóns de euros de empréstitos internacionais para manter a súa deprimida economía.

 En 2017, xa máis do 75 % dos fogares helenos sufriran a redución dos ingresos; unha de cada tres persoas tiña a un membro da familia en paro e case a metade da poboación reduciu os gastos en alimentación, mentres que pagar as facturas de electricidade e teléfonos se converteu en algo ben difícil.

 Á vez, incrementouse o número de persoas que malviven nas rúas que deberon recorrer a organizacións humanitarias que lles serven un prato de comida por algúns lugares das cidades.

 Actualmente, Grecia ocupa o terceiro posto entre os países máis pobres da Unión Europea, só detrás de Bulgaria e Romanía.

 Se en 2009 o número de persoas desempregadas representaba o 9,6% da poboación activa, en 2014 chegou a alcanzar a máis da cuarta parte, o 27,5% . Aínda que desde aquela o número de parados comezou a descender; en 2018 cífrase en 19,5%.

 Esas son as consecuencias do establecemento de políticas neoliberais mediante as cales as poderosas transnacionais e os países máis desenvolvidos van controlando económica e mesmo politicamente as nacións máis débiles sen que estas poidan zafarse desas ataduras.

 Fíxense nestoutras cifras: se en 2012 o salario mínimo era de 876,62 euros, de 2013 a 2018 quedou conxelado en 683,76 euros , segundo datos de Eurostat; o gasto en saúde en 2009 era de 22.490 millóns de euros, tras un recorte do 35 % , en 2016 situábase en 14.727 millóns; en 2009 as persoas que estaban en risco de pobreza ou de exclusión social eran o 27,6 %, en 2014 chegaron a ser o 38 % e na actualidade é de 34 %.

 Alexis Tsipras tras gañar as eleccións de 2015 convocou un referendo no que a cidadanía rexeitou as condicións impostas para o terceiro rescate. Finalmente, acabou aceptando o rescate, con durísimas condicións, e tivo que decretar un corralito bancario que fixo que os bancos permanecesen pechados e que cada persoa só puidese sacar un máximo de 60 euros ao día para evitar a fuga de capitais. Tivo que facer fronte tamén á división dentro do seu Executivo, que se saldou coa destitución daqueles ministros que votaran en contra do rescate.

 Agora, tras o final dos rescates, o Goberno afirma que as súas necesidades de financiamento están cubertas até 2022 e proxecta o seu regreso aos mercados de capitais, de onde foi expulsado en 2010, cando a súa prima de risco (diferenza de xuros co bono alemán) se situou en niveis difíciles de asumir.

 O presidente do Eurogrupo, Mario Centeno, mostrouse eufórico coa nova e asegurou que "Grecia está agora nunha posición na que pode gozar completamente da súa pertenza á zona euro, respectando as mesmas regras que calquera outro país do euro".

 Máis reservado foi o Comisario europeo de Asuntos Económicos e Financeiros, Pierre Moscovici, quen recoñeceu que "a realidade sobre o terreo segue sendo difícil. O tempo da austeridade terminou, mais o final do programa non é o final do camiño da reformas".

 O resultado desa implementación supuxo unha lixeira mellora nos seus datos macroeconómicos: o país comeza a crecer (por primeira vez en 2017 desde o inicio da súa crise en 2009) e espérase que continúe facéndoo en 2018 e 2019, e a taxa de desemprego comeza a descender, malia que aínda se mantén por riba do 20%.

 O certo é que as reformas esixidas pola Troica supuxeron un duro esforzo para o pobo grego que durante varios anos seguirá padecendo as restricións sociais mentres a política económica e financeira do Estado continuará sendo vixiada e controlada desde o exterior.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 8 de setembro de 2018]

 

Volver