O sector da limpeza da provincia de Pontevedra convoca folga por un convenio digno

Desenvolverá unha xornada de paro de 24 horas o 10 de xaneiro ante a negativa da patronal a mellorar as condicións laborais
Vigo/Pontevedra - 20 Dec 2023

A CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria dun día de folga no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra o vindeiro 10 de xaneiro para reclamar un convenio colectivo digno ante a insistencia da patronal en achegar propostas que supoñen afondar na precarización das condicións laborais das arredor de 11.000 persoas traballadoras que emprega.

Responsábeis dos tres sindicatos compareceron esta mañá en rolda de prensa en Vigo para explicar que as asembleas de traballadoras/es celebradas en Vigo e Pontevedra apostaron de xeito maioritario por levar a cabo unha xornada de loita coincidindo coas rebaixas de xaneiro para intentar cambiar o rumbo dunhas negociacións que se iniciaron o pasado 20 de febreiro.

Neste tempo apenas se produciron avances pola actitude do empresariado, que pretende entre outras cousas que o persoal acepte unha suba salarial do 2,66% para cada un dos tres anos de convenio (2023-2025), sen cláusula de revisión, algo que as centrais consideran inaceptábel. “Un incremento do 8% en tres anos cando o IPC dous dos últimos anos foi do 12,2% é un insulto”, denunciaron.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que estivo acompañada pola secretaria confederal de Formación da CIG, Diana Rodríguez, fixo fincapé en que se trata dun sector altamente precarizado no que o 85% son mulleres, case todas con xornada parcial. “Esta parcialidade fai que haxa compañeiras que teñan que traballar até en cinco empresas ao mesmo tempo, mentres que os homes teñen todos xornada completa”.

Dende a parte social reclámaselle ás patronais provinciais (Aelpo) e estatal (Aspel) un incremento salarial digno (no último encontro fixárono nun 6%) cunha cláusula de revisión no caso de que o IPC supere esta cifra, “algo que parece difícil”. E tamén unha redución de xornada (a actual é de 38,5 horas semanais). “Porque reducir a xornada en sectores con altos índices de contratación parcial supón maiores cotizacións e salarios máis elevados”.

Dilatar a negociación

Outra reivindicación do persoal do sector é que as horas que deixan as persoas que se xubilan se repartan entre o resto de traballadoras. Nestes momento figura no convenio que se lle dan ás persoas con maior antigüidade, pero as empresas non teñen a obriga de facilitar as listas de antigüidade de todas as traballadoras. “Isto provoca que na práctica as empresas lle dean as horas a persoas que acaban de subrogar ou ás que lles interesa ter con máis horas”, critica Fernández.

A responsábel da CIG-Servizos sinalou tamén o feito de que a limpeza de Lugo se atope en folga polo convenio e que o de Ourense se estea a mobilizar tamén, coa convocatoria recente dun paro de catro horas, mentres que o convenio da Coruña remata en breve. “En xaneiro ímonos atopar cos catro convenios paralizados pola actitude da patronal estatal Aspel, que se nega a pactar uns soldos dignos e quere dilatar a negociación e logo non pagar a suba salarial con carácter retroactivo, como acontece en Lugo e Ourense, pretendendo deixar en branco 2023, algo que nos tememos vaian propoñer aquí tamén”.

Finalmente, lamentou que tamén se chega a esta situación porque hai persoas que participan na mesa por parte da patronal que non están capacitadas para negociar, “porque non entenden de relacións laborais nin de negociación colectiva e o único que fan é bloquear os posíbeis avances”.