O sector das ambulancias intensifica as mobilizacións para esixir a negociación do novo convenio

A CIG reclama a intervención da Xunta e que traslade a información sobre as renuncias das empresas
A Coruña - 13 Mar 2018

Traballadores e traballadoras do transporte sanitario realizaron unha nova concentración para esixir a apertura da negociación do convenio colectivo, rexeitar as pretensións das patronais do sector de aplicar descolgues e reclamar a intervención da Consellaría de Sanidade, tanto para desbloquear a negociación colectiva como para trasladar á representación do persoal toda a información relativa ás renuncias das empresas ao concurso do 061.

A protesta, convocada pola CIG, é a segunda que delegados/as e traballadores/as de ambulancias realizan esta semana, xa que no día de onte houbo unha mobilización en Compostela e ademais, mañá mércores, está convocada unha nova concentración no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, ás 11:00h.

As empresas solicitan a inaplicación do convenio

Segundo explica Xesús Pastoriza, responsábel do sector de transportes da CIG, con estas protestas quérese amosar o rexeitamento ao bloqueo patronal á negociación do convenio colectivo, que leva dous anos caducado. Pastoriza puxo o acento na situación complexa do transporte sanitario, xa que no último concurso público moitas empresas presentaron ofertas á baixa (houbo casos de compañías que chegaron a rebaixar até un 12% o prezo) e "cando nos sentamos a negociar o convenio, escusáronse en que os concursos non lles daban para cubrir os gastos e paralizaron a negociación".

En Galiza hai arredor de 1.800 traballadores e traballadoras afectadas "que viven nunha situación de intranquilidade e incerteza absoluta", engade Pastoriza, porque ademais de obstaculizar as negociacións, "as empresas solicitaron a inaplicación do convenio vixente. Nalgúns casos, como o de Ambuibérica, coa brutalidade de pedir un 25% de rebaixa salarial, e  se non se acepta este recorte dos salarios, a patronal ameaza con despedimentos".

Se ben o representante sindical aseverou que até agora  os usuarios e usuarias non se viron afectadas "grazas á profesionalidade dos traballadores/as", tamén advertiu que, a medio prazo, si poderían rexistrarse problemas "porque isto non hai quen o aguante, estanse realizando excesos de xornada de maneira continuada, falta persoal e incluso moitos servizos non están dotados cos medios materiais que establece o contrato".

Diante desta situación, a CIG (que ten a maioría da representación no sector) demanda a intervención da Xunta "que se nega a sentar con nós. Resulta incríbel que nin o 061, nin o SERGAS nin a Consellaría respondan as nosas solicitudes, cando é a administración a que ten a chave para solucionar esta problemática. Pois non hai que esquecer que foi a Xunta quen permitiu que todos eses contratos se fixeran como se fixeron e que chegáramos a esta situación".

Falta de información sobre as renuncias

Pastoriza reclamou a apertura inmediata da mesa de negociación e a intervención da administración, "que non pode seguir ignorando a todo un sector e manténdoo desinformado". A este respecto, subliñou que foi a patronal quen comunicou á representación social a renuncia de seis contratos, que presuntamente a Xunta volverá licitar. "Pero non sabemos se isto é certo. O que pedimos é que nos confirme se isto é verdade".

Medidas laborais e de mellora do servizo

Sobre a plataforma sindical para o novo convenio, Xesús Pastoriza sinalou que se recollen medidas estritamente laborais e económicas (como subas salariais e a terceira paga extraordinaria), máis tamén contempla melloras en materia prevención de riscos e saúde laboral que redundan directamente na prestación do servizo.

Así expuxo o exemplo das cadeiras de rodas mecánicas para acceder ás vivendas sen ascensor das que carecen a maioría das ambulancias, a falta de padioleiro/a no transporte programado, a limpeza da roupa de traballo (que a lei impide que se faga na casa por cuestións de hixiene pública, pero da que as empresas non se encargan) ou a despreocupación por parte das empresas na conservación de materiais e medios de traballo nun sector tan sensíbel como este.