O sector das ambulancias irá á folga o 9 e 10 de maio para esixir o desbloqueo da negociación colectiva

O calendario de paros, convocados pola CIG, foi aprobado de xeito unánime polas asembleas

Nacional -

O persoal das ambulancias secundará este mércores, 9 de maio, e o xoves, 10 de maio, as primeiras dúas xornadas do calendario de folgas aprobado de maneira unánime polas asembleas de traballadores/as para esixir o desbloqueo da negociación colectiva, o cumprimento das condicións recollidas no convenio, a retirada de todos os elementos de presión e de precarización (descolgue salarial, modificacións substanciais, sancións, etc.) que pretenden aplicar as empresas, así como a mediación activa da Consellaría neste conflito.

A folga desenvolverase dende ás 00:00 horas do mércores 9 de maio até ás 24:00 horas do 10 de maio e afectará a todo o transporte sanitario de Galiza, tanto urxente (061) como non urxente (traslados e programado). Ademais, de non producírense avances, a CIG ten convocadas novas xornadas de folga para os días 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo e, a partir de aí, haberá folga indefinida se nin a patronal, nin a  Xunta de Galiza, atenden as demandas do colectivo.

Na xornada deste mércores, traballadores e traballadoras en folga participarán na manifestación que a CIG desenvolverá en Compostela ao remate da asemblea nacional de delegados e delegadas preparatoria da folga xeral do vindeiro 19 de xuño. A marcha sairá ás 12:30 horas dende o Pazo de Congresos (San Lázaro) e rematará diante do complexo administrativo de San Caetano.

Para a xornada de folga do xoves está previsto que se realicen concentracións en todas as áreas sanitarias, pendentes de concretar os horarios.

Volver