O sector de ambulancias, en loita por un convenio digno

Traballadores/as percorreron as rúas de Compostela nunha manifestación nacional para rexeitar a precariedade
Compostela - 14 Xun 2016
Traballadores e traballadoras do sector de ambulancias das empresas concesionarias que operan en Galiza percorreron este martes as rúas de Compostela con bombos, petardos e megáfonos para proclamar, a viva voz, “Ambulancias en loita por un convenio digno”. A mobilización nacional, convocada pola FGAMT-CIG, vén precedida por múltiples concentracións e manifestacións en denuncia dos constantes incumprimentos do convenio vixente até o de agora.

Galería de imaxes

Ao inicio da manifestación, que partiu contra as 11:30 horas da Praza Roxa de Compostela, o representante da FGAMT de Compostela, Inácio Pavón, denunciou que a patronal ten paralizado o convenio desde hai dous meses, despois de varias reunións nas que non se acadou ningún acordo.

Pavón denunciou a complicidade da Xunta de Galiza xa que “esta situación é coñecida tanto pola consellaría de Sanidade como pola Fundación de Emerxencias Sanitarias 061”, máis logo de ter denunciado o “esperpento” da licitación do 061 e do actual concurso do transporte “non urxente”.

O representante da FGAMT lembrou que no sector aínda hai empresas onde o persoal fai máis de 50 horas extra ao mes, sen cobrar ou mal pagadas, onde non teñen vacacións regulamentarias, falta persoal, as bases para a permanencia do persoal non reúnen as condicións de salubridade mínimas e nin se desinfectan os informes, nin se entregan os uniformes axeitados.

Con todo, chamou a atención, especialmente, sobre o feito de que cada vez se contrate a máis persoal en prácticas, cobrando menos de 800 € ao mes, o que, advertiu, está a provocar unha maior precarización aínda da que xa existía no sector.

A este respecto denunciou que esta situación de precariedade e as ameazas que sofren as e os traballadores están provocando unha peor calidade no servizo. Por iso reclamou que tanto desde a Xunta como desde o 061 se faga un seguimento da calidade que se presta ás e os doentes e das condicións laborais das empregadas e empregados, máis tendo en conta que este é un servizo público. “Non imos consentir que esta situación continúe por máis tempo. Por iso nos mobilizamos, para defender os nosos dereitos, pero tamén para ofrecer á cidadanía o servizo que necesita e se merece”.

A manifestación rematou diante da sede da Confederación de Empresarios, na zona vella compostelá, en demanda de que a patronal sente a negociar unhas condicións xustas no conxunto das empresas, para todas e todos os traballadores.