O sector de ambulancias reclama a implicación da Xunta para que se negocie o convenio colectivo

Delegados/as concentráronse esta mañá diante do Sergas

Nacional -

Delegados e delegadas do sector de transporte sanitario concentráronse esta mañá diante do Sergas para reclamar a negociación do convenio colectivo, caducado desde hai dous anos, e en demanda de que a Xunta aclare se aceptou a renuncia das contratas que as empresas concesionarias solicitaron; se eses lotes se van sacar de novo a concurso e cales serán as condicións que se recollan nas plicas.

A negociación do convenio está paralizada, segundo explicou Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG, porque a patronal non senta a negociar e a Xunta de Galiza elude a súa responsabilidade.

“Tivemos, hai tempo, diferentes mobilizacións contra a patronal e decidimos que hoxe tiñamos que denunciar tamén publicamente o que está facendo a  Xunta de Galiza, que mira para outro lado. Un problema que se insire na situación de desmantelamento e abandono que sofre a sanidade deste país no seu conxunto.”

Pastoriza lembrou que desde a CIG xa se solicitaron en varias ocasións xuntanzas para abordar a situación na que se atopa o sector pero asegurou que a administración  “dá a calada por resposta, non se reúne con nós”.

Aproveitando esta mobilización solicitouse unha nova xuntanza pero, máis unha vez, recibiron unha negativa polo que o responsábel do sector de Transportes da CIG acusou a consellaría de Sanidade de “facer unha deixazón absoluta das súas responsabilidades políticas deixando abandonado un sector tan transcendente como este para a saúde das persoas”

Renuncia ás contratas

A pretensión da FGAMT-CIG é abordar nesa xuntanza todo o relativo ao sector. Desde a paralización do convenio, que se conseguiu obrigar ás empresas a cumprir tras intensas mobilizacións até a situación na que se atopan as propias contratas.

A este respecto Pastoriza explicou que a patronal confirmou á CIG que hai empresas que renunciaron a 5 lotes e que parece que a Xunta quere pór os contratos outra vez en marcha convocando un novo concurso. Porén matiza que “a patronal dixo tantas cousas que tampouco nos fiamos e o que queremos é que a administración nos confirme se iso é así”.

Os lotes aos que supostamente renunciaron as adxudicatarias son Salnés, Barbanza, Santiago, Costa da Morte e Lugo Centro, que serían, xa que logo, os que sairían de novo a concurso. “É imprescindíbel confirmalo porque é transcendente para o convenio”, apuntou o responsábel do sector de Transporte “porque a patronal di que no momento en que saian eses novos concursos si sentarán”.

Tanto para manter a negociación do convenio paralizada como para xustificar a renuncia ás concesións do servizo de transporte sanitario das zonas afectadas as empresas “din que agora mesmo non lles chega o diñeiro”. Por iso queren saber se efectivamente se van volver convocar ou se “outra vez nos están mentindo”.

Con todo, Pastoriza responsabiliza desta situación ás empresas por ter presentado propostas á baixa e á administración por adxudicarlles as concesións a pesar desas condicións. “Unha práctica neoliberal que consiste en rebaixar as condicións de traballo facendo que sexan as e os traballadores quen paguen os beneficios da empresa” Témese agora que fora unha “xogada” para que agora a administración “lles engorde o contrato” pero, matiza, “de momento non sabemos que se está cociñando por detrás”.

Descolgues

Esas propostas á baixa tamén están provocando que empresas como Ambuibérica, Casablanca, Ambulancias Ferrolanas ou Ambulancias do Cantábrico, entre outras, solicitaran o descolgue do convenio malia estar caducado desde hai dous anos.

Segundo denunciou Pastoriza nalgúns casos piden até un 25% de rebaixa salarial. “Unha rebaixa salarial é de todo punto imposible. A CIG non vai asinar ningunha rebaixa, pero xa nin sentarse, falando desas cantidades”.

Volver