O sector de transporte en ambulancia, en loita por un convenio digno

Manifestáronse este xoves en Compostela para reclamar da patronal que sente a negociar

Nacional -

Traballadores  e traballadoras do sector de ambulancias percorreron esta mañá, con petardos e bucinas, as rúas de Compostela para demandar a negociación do convenio colectivo, paralizado pola patronal co coñecemento e “complicidade” da Xunta de Galiza, da consellaría de Sanidade e da Fundación de Emerxencias 061. A mobilización rematou diante da sede da CEG, á que Ernesto López Rei, representante da FGAMT, demandou que senten a negociar porque “cada día que pase as nosas posicións serán máis duras”.

Ese recado á patronal foi o primeiro dos tres que mandou. O segundo foi á Xunta de Galiza á que acusou de “montar todo este tinglado”, sacar as licitacións do transporte urxente e do transporte non urxente “con asignacións míseras pensando que os que ían pagar o pato eran outra vez os de sempre, os traballadores”.

Por iso exixiulle que medie neste conflito que xa hai tempo que comezou “porque foron quen montaron este cristo, son os que pretenden que os salarios e  as condicións de traballo vaian á baixa e, polo tanto, tamén teñen que pagar as consecuencias, porque teñen moita responsabilidade”.

Para lanzar o último recado, non deu destinatario. “Creo que non fai falta”, dixo, e engadiu que “este autobús arrancou, non vai parar, ten un destino marcado. Non temos ningún problema en paralo para que se suban os que queiran. Se non se queren subir que sigan onde están, quietos e inoperantes”.

“Non se pode traballar nun servizo público por 800€”

De seguido lembrou as demandas do sector. A primeira, que a negociación do convenio colectivo comece dunha vez. Acusou á patronal de “chorar” as únicas veces que sentou na mesa e exiixiu que “os contratos en prácticas rematen tal e como están concibidos”.

López Rei advertiu que “aqueles que pretendan contratar por 800€ teñen os seus días contados. Non imos pasar porque o contrato en prácticas non sexa regulado e dignificado” e denunciou que “non se pode traballar para un servizo público por 800€”.

Xunto a iso demandou a recuperación da terceira paga extra, “para que quede no convenio para sempre”, e a dignificación da profesión. A ese respecto sinalou que a saúde laboral ten que estar tamén sobre a mesa. “Acabouse facer camillas sen camilleiro. Acabouse ir un só levando doentes”, asegurou.

O representante da FGAMT concluíu advertindo que a negociación deste convenio ten que supor o fin das horas de presenza, “que é iso de xornadas interminábeis para poder levar un salario digno a casa”, dixo e alertou de que estas son, para a CIG, “cuestións irrenunciábeis”.

Volver