O Sergas continúa sen atender as demandas do persoal dos PAC

Denuncian carencias asistenciais sustentadas na falta de dotacións e exceso de xornada
Nacional - 25 Set 2018

O colectivo de traballadores/as organizados na plataforma “PACs en pé de guerra” denuncia que a Xunta continúa a desatender as súas demandas no tocante a retribucións e horario, alén de carecer dun plan para resolver as carencias asistenciais. Así se constatou na xuntanza que o pasado venres 21 tivo lugar co Sergas, e despois da cal estudan posíbeis mobilizacións.

O persoal dos puntos de atención continuada (PAC) sinala, ademais, o incumprimento da “vontade negociadora” expresada este verán desde administración autonómica trala morte dun paciente no centro da Estrada.

A plataforma afirma que a súa prioridade é resolver os problemas asistenciais que afectan a usuarios, e que para iso é preciso que o Sergas organice a xornada aplicando os criterios do Pacto con neutralidade de permisos e IT e diferenciando a xornada obrigatoria e a complementaria no calendario anual.

Tal e como denuncian, as negociacións sobre distribución e cálculo da xornada continúan estancadas tras sete meses, e na xuntanza do venres tampouco se propuxo ningún mecanismo para paliar as ausencias de facultativos despois do verán nin sobre o aumento de dotacións.

Exceso de xornada

Segundo o colectivo, o Sergas mantén unha “fórmula mal confeccionada” para o cálculo da xornada anual, o que repercute en ter que facer horas de traballo a maiores cada vez que se sofre unha incapacidade temporal ou se disfruta un permiso retribuído. Ademais, as horas que exceden a xornada obrigatoria anual constan no calendario sen diferenciación ningunha, cando equivalen a horas extra e teñen condición voluntaria.

Para rematar, indican que continuarán na procura das condicións de traballo e retributivas “mínimas” do resto de colectivos da sanidade pública en Galiza. Unha loita que xa motivou múltiples demandas xudiciais e propostas que a Xunta se negou a considerar.