O Sergas discrimina a unha traballadora embarazada ao reducirlle o salario durante o permiso da 37 semana

CIG-Saúde e a Secretaría da Muller reclaman á administración unha rectificación da norma e que se adapte do xeito necesario para rematar con esta gravísima discriminación

A Coruña -

A Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde da CIG denuncian a discriminación que padecen as traballadoras do SERGAS que se acollen ao permiso retribuído a partir da semana 37 do embarazo, xa que ven reducido o seu salario ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada. Unha penalización que conculca o dereito á igualdade, pois ningún traballador do SERGAS sufrirá esta redución de salario polo feito de ser pai.

O pasado 31 de outubro de 2015 publicouse no BOE o texto refundido do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a, que, entre outras cuestións, modificaba o seu texto para recoller a posibilidade de que as mulleres xestantes puidesen gozar dun permiso retribuído a partir da semana 37 de embarazo.

O texto da disposición adicional décimo sexta desa publicación di o seguinte:

Permiso retribuído en estado de xestación.

Cada Administración pública, no seu ámbito, poderá estabelecer  para as funcionarias en estado de xestación un permiso retribuído a partir do día primeiro da semana 37 de embarazo até a data do parto.

No suposto de xestación múltiple, este permiso poderase iniciar o primeiro día da semana 35 de embarazo até a data de parto.

Desde a CIG-Saúde xa se denunciou no seu momento que o SERGAS estaba a ocultar ás mulleres traballadoras da Sanidade Pública a posibilidade de acollerse a este permiso e, agora, hai que denunciar unha nova discriminación ás mulleres.

As mulleres que se acollan a este dereito son penalizadas durante a duración do mesmo, ao non pagárselles o complemento retributivo de Atención Continuada, que retribúe a disposición durante as 24 horas e durante as xornadas festivas. E esta discriminación é máis grave se cabe, porque a retribución que as mulleres perciben durante as 16 (agora 17) semanas de descanso maternal é calculada no INSS en función da retribución do mes anterior ao descanso. Isto supón que no caso das mulleres que se acollen ao dereito a gozar do permiso a partir da 37 semana, a merma retributiva alcanza a todo o período de descanso maternal.

Desde a Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde denuncian a grave discriminación que isto supón, posto que un home nunca verá reducidas as súas retribucións por ser pai, mentres que unha muller traballadora, que xa está prestando servizos nunhas condicións gravosas (quendas, grandes cargas de traballo, etc…), ve diminuídas as súas retribucións (e tamén as súas bases de cotización) por mor da súa maternidade. Algo que, a todas luces, conculca o dereito á igualdade.

Pola súa banda, o SERGAS ampárase, para levar a cabo esta discriminación, en que a norma non recolle expresamente que se debe pagar a retribución completa. A CIG exixe do SERGAS, da Consellaría de Sanidade e do Goberno da Xunta unha rectificación e que se adapte a norma do xeito necesario para rematar con esta gravísima discriminación.

Volver