O Sergas estabilizará só 438 prazas cando as vacantes desde 2010 son 2.652

A CIG-Saúde rexeita un ‘suposto’ plan de estabilidade que “unicamente estabiliza o 16,51% das prazas”

Nacional -

A CIG-Saúde manifesta o seu rotundo rexeitamento ao Plan de Estabilidade do Emprego presentado polo SERGAS na Mesa Sectorial celebrada esta mañá. Un plan que se viña demandando desde o mes de outubro e que só prevé 438 prazas, cando desde 2010 se produciron 2.652 vacantes. Considera, porén, positivo que non se aprobara hoxe e que a administración accedera a convocar de novo a mesa sectorial para dentro dunha semana, ao demandar, todas as organizacións sindicais, máis concreción nos datos.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín explica que este Plan vén acompañado dun anexo de persoal no que se agardaba que o SERGAS “en aras a esa transparencia que tanto anuncia, nos presentara un censo de profesionais onde se recollera a súa situación de eventualidade continua, e a proposta de transformar todos estes vínculos en prazas de interinidade, para con posterioridade convocar os procesos selectivos”.

Un censo no que ademais da conversión en interinidade das contratación en fraude, se recollesen a totalidade das prazas que xa teñen vínculo de interinidade, por categoría profesional e área sanitaria.

“Mais non foi así”, denuncia Abuín, “ao SERGAS cústalle moito a transparencia e solicita das organizacións sindicais que fagamos un acto de fe. Non temos un censo real da situación do persoal interino do SERGAS, pero pretenden que asinemos un plano no que recolle que  a eventualidade se vai reducir a  un 5%”.

Censo real

A secretaria nacional da CIG-Saúde aclara ademais que para que a CIG-SAÚDE poida aprobar o Plano de Estabilidade do Emprego necesita ter un ceso real do persoal eventual, a fin de comprobar “se o que pretende o SERGAS é recuperar as 2.652 prazas vacantes desde o ano 2010, ou un Plano de  Emprego que consolide a destrución de postos de traballo na sanidade pública”.

Por iso a CIG-SAÚDE esixe un censo de profesionais con:

  • Relación de persoal interino por cada unha das áreas sanitarias. No que se recollan as prazas das áreas sanitarias de O Barco, Monforte, Salnés e Burela. Por categorías profesionais, e na categoría de FEAS disgregado por especialidades
  • Relación de persoal con vínculo de servizo determinado de cada unha das 11 áreas sanitarias, por categorías, e por especialidades médicas.
  • Relación de prazas estruturais cubertas con vínculos de eventualidade, tamén de cada unha das 11 áreas sanitarias, categorías e especialidades.

Para Abuín un documento con esta información “si sería o anexo que debería recoller o Plan de Emprego para rematar coa eventualidade no SERGAS”.

Só se estabilizan o 16,51% das prazas

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que o SERGAS só recolle, no apartado de análise da situación do Plan, datos dos anos comprendidos entre 2013 e 2016 e “esquece intencionadamente todos os datos do Plan de Ordenación 2010-2012”.

Por iso denuncia que o SERGAS só computa 3.231 xubilacións, que serían as que se produciron entre 2013 e 2016, pero de contabilizar a totalidade das vacantes recollidas nos planos de ordenación de recursos humanos producidas entre 2010 e 2016 o número real de vacantes sería 4.382 prazas. “Está facendo desaparecer dun plumazo outras 1.570 prazas”.

Diante disto, Abuín conclúe que se as prazas a estabilizar que propón o SERGAS son 438 e as vacantes producidas desde o ano 2010 superan con moito esa cifra, en realidade só vai estabilizar o 16.51%.

Destrución de emprego na sanidade pública

A secretaria nacional de CIG-Saúde pregúntase, xa que logo, se é para isto para o que quere Feijoo que a oposición aprobe os Orzamentos Xerais do Estado, “para ser cómplices na destrución de emprego na sanidade pública e facilitar o camiño para a súa privatización”.

Ao Presidente da Xunta lémbralle ademais que, durante o goberno do bipartito, “do que tanto lle gusta falar” negociouse, na mesa sectorial do SERGAS de 2005 un plano de estabilidade para rematar co precariedade laboral dos ano de goberno do PP, con un censo real de traballadores/as, que posibilitou  dúas convocatorias de oposicións: unha OPE, en 2006, na que se convocaron 2.722 prazas e outra OPE, en 2008, con 3.913 prazas. “Se queren e teñen vontade política, poden rematar coa precariedade laboral no SERGAS”.

Volver