• 18-06-06 FeiraPementoAmbulatorioOimbra01.jpg
  • 18-06-06 FeiraPementoAmbulatorioOimbra02.jpg
  • 18-06-06 FeiraPementoAmbulatorioOimbra03.jpg
  • 18-06-06 FeiraPementoAmbulatorioOimbra04.jpg

O Sergas xustifica que o ambulatorio de Oímbra acolla unha festa gastronómica

Tras os requirimentos da CIG a resposta foi que as instalacións pechan nas fins de semana

Verín -

A CIG de Verín denuncia que o Sergas xustifica a celebración da Feira do Pemento de Oímbra no centro de saúde deste concello ourensán argumentando que as instalacións pechan durante a fin de semana e que o evento gastronómico non se fai en zonas asistenciais. A resposta do departamento autonómico chega despois dos requirimentos da central para intentar evitalo.

Unha vez que a CIG se puxo en contacto co Sergas e co Concello de Oímbra a fin de evitar que se utilicen as instalacións do ambulatorio municipal para celebrar a festa do pemento, a Xerencia do departamento autonómico acusou a central de “partidismo” e de “crear alarma social”, argumentando que nas fins de semana o centro sanitario permanece pechado e que a degustación deste produto local non se fai en zonas asistenciais.

Dende a CIG amósanse moi críticos/as coa resposta do Sergas e rexeitan que “para agochar o inxustificábel se nos intente vender unha realidade falsa, como é que a degustación non se celebraría en zonas asistenciais”. Segundo indican, abonda con observar as fotografías da festa celebrada en anos anteriores [e que acompañan esta información] para constatar que a Xerencia “falta á verdade ou, o que é o mesmo, utiliza a posverdade para deformar a realidade, agás que considere que todo o mundo é parvo e, aínda, cego” .

Na CIG pregúntanse se non sería máis lóxico que o Sergas abrise o centro de saúde nas fins de semana en lugar de organizar festas nel

En canto ás acusacións de “partidismo”, lembran que non é a CIG a que leva a políticos do PP a degustar “pementos e líquidos espirituosos” aos centros de saúde, nin tampouco é a central a que utiliza argumentos “tan alucinantes” como que o ambulatorio de Oímbra pecha durante as fins de semana. “É obvio que pecha as fins de semana, porque a poboación os sábados e os domingos non enferma e, por tanto, non precisa de centros sanitarios, preferindo que estes se dediquen á celebración de festas gastronómicas”, ironizan.

Diante disto, pregúntanse se non sería máis lóxico que o Sergas optase por abrir o centro de saúde nas fins de semana, en pleno verán, en lugar de organizar festas nel. Finalmente, anuncian que estudarán as accións que caiba exercer contra esta decisión da Xerencia do Sergas.

Volver