O transporte de viaxeiros/as por estrada para de xeito masivo no 1º día de folga

CIG advirte que o plan de reestruturación da Xunta destruirá uns 1.000 empregos no sector

Nacional -

A primeira xornada da folga convocada no sector de transporte de viaxeiros/as está rexistrando un seguimento superior ao 95%, tal e como se deixaba notar a primeiras horas da mañá nas estacións de autobuses de todo o país, que hoxe teñen unha actividade practicamente nula. "As traballadoras e os traballadores tomaron moi a serio a folga, están moi preocupados polo seu futuro, porque saben que se a Xunta leva adiante o seu plan de reestruturación, entre un 20 e un 30% do persoal vai acabar na rúa; é dicir: haberá case 1.000 empregos menos no sector en ano e medio".

Así expresaba o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, o sentir de boa parte dos traballadores e traballadoras dos autobuses de liña que este martes pararon de xeito masivo para amosar o seu rexeitamento tanto ao plan de reorganización das rutas proposto pola Xunta como para demandar o desbloqueo patronal á negociación dos convenios colectivos.

"Hai moito nerviosismo e medo entre o persoal", insistía Pastoriza ás portas da estación de buses da Coruña, quen subliñou o éxito dunha folga que continuará na xornada de mañá e terá réplica o martes e mércores da vindeira semana. Neste senso, apuntou que, de non producírense avances nos próximos días, non se descarta endurecer os paros e mesmo darlle á folga un carácter indefinido.

"ERE encuberto"

A respecto dos motivos que levaron ás centrais sindicais CIG, CCOO e UGT a convocar a folga, Pastoriza sinalou en primeiro lugar á paralización da negociación colectiva no sector. "Os catro convenios provinciais están sen asinar e, no caso de Pontevedra, o convenio leva caducado dende o ano 2011". Porén, "a  patronal négase a negociar e mantén un postura de bloqueo porque pretende recortar en dereitos e condicións laborais".

Doutra banda, o persoal oponse ao novo plan de transporte de viaxeiros/as presentado pola Xunta, "que foi o que nos decidiu finalmente ir á folga". Segundo os datos achegados polo propio Goberno galego, a reestruturación do transporte de viaxeiros/as suporá a supresión de 500 rutas escolares "e polo tanto un recorte de emprego". Xunto a isto, engade o sindicalista, "ao revisar os anteproxectos dos contratos, decatámonos de que as partidas destinadas aos salarios dos/as condutores/as son inferiores aos salarios marcados en convenio".

"A Xunta fai os cálculos sobre horas e non sobre contratos, o que implicará despedimentos e que moitos dos traballadores/as que continúen no servizo vexan reducidas as súas xornadas de 40 horas semanais a 30 ou 20 horas". Xesús Pastoriza advertía que, dos 42 contratos do plan revisados, case todos teñen un orzamento para soldos inferior ao que corresponde. "Faltan preto de 4 millóns de euros destinados só aos salarios do persoal. O que propón a Xunta son contratos ruinosos", asevera.

Pero, ademais, no anteproxecto increméntase o número de expedicións inferiores a 50 km, evitando así a obrigatoriedade de levar tacógrafo no autobús. "Dende as organizacións sindicais pedimos que se obrigue a pór o tacógrafo porque do contrario facilítase o descontrol da xornada e auméntanse os riscos de accidente".

"O que percibimos atrás de todo isto é desemprego, contratos a tempo parcial, precariedade e pobreza laboral. Entendemos que este plan suporán un recorte das rutas e unha reconversión de todo o sector", afirmou. Nesta liña, Pastoriza cualificou a reorganización do sector como un "ERE encuberto", criticando o papel da Xunta que "está a facerlle un favor a unha parte da patronal ao facilitarlle desprenderse de traballadores/as".

Cativos/as de tres anos e adultos, no mesmo bus

As centrais sindicais tamén rexeitan a pretensión da Xunta de pasar parte das rutas de escolar a transporte en liña regular, é dicir mesturar ás crianzas cos viaxeiros e viaxeiras adultas. "Estamos totalmente en contra, parécenos que é poñer en risco a seguridade dos e das cativas", afirma. 

Por outra banda auméntase a precariedade das/os acompañantes ao empeorar as súas condicións de traballo, xa que até o de agora tiñan contratos polo tempo aproximado que duraba a ruta escolar, pero agora en ningún apartado dos contratos se establece nin cal vai ser o seu tempo de traballo, nin como van regresar até o punto de orixe, xa que os autobuses van continuar cunha ruta de liña normal unha vez deixaron ao alumnado no seu centro.

"A Xunta continúa coa política de recortes de servizos, desta volta centrados no transporte escolar e introducíndoos de maneira máis agochada. Pero están recortando prestacións e ao mesmo tempo ofrecéndolle un ERE á patronal para que poida despedir máis facilmente", denuncia.

Présas inxustificadas

Sobre a posición das empresas, apuntou que a patronal está dividida entre quen apoia estes contratos reducidos e quen non. "Estas últimas son empresas que no seu momento renunciaron as concesións por ser deficitarias e que entenden que o plan de transportes debe facerse doutro xeito".

Unha visión que comparte a central sindical, aínda que por distintas razóns. "Non negamos que sexa preciso recompoñer o mapa concesional, pero as concesións caducan a finais do ano 2019. Polo tanto, temos ano e medio por diante para facer un plan con máis sentido e tranquilidade. Non entendemos estas présas por botar a andar o plan o 8 de agosto".

Sobre as negociacións coa Xunta, Pastoriza censurou o escaso coñecemento do sector amosado por parte dos responsábeis políticos  de organizar o transporte de viaxeiros/as por estrada. Puxo de relevo que no novo plan desaparecen liñas que hai actualmente "pero aparecen outras sen sentido ningún, porque como di algún condutor, para pasar por elas hai que ir en tractor; mandan autobuses por rúas onde non caben; ou incluso hai o caso dun colexio que comeza a xornada de tarde ás 15:00 horas e no plan mándase recoller os/as cativos ás 15:30 horas".

Ademais do descoñecemento, criticou a "pouca experiencia que teñen en cuestións laborais. Como se explica senón que o venres tiveramos unha reunión tripartita coa Consellaría e coa patronal na que se acordou un novo encontro para este luns, e que o sábado recibiramos un correo  da Xunta desconvocando esa reunión e convocando unha nova por separado?", pregúntase.

Pastoriza acusa a administración de romper unilateralmente as negociacións, lembrando que  ao ofrecemento das partes de fixar nova data para esa reunión tripartita "deron a calada por resposta".

Volver