O Tribunal Supremo declara a improcedencia dun despedimento no Colexio de Avogados/as de Ferrol

A traballadora afectada prestou servizos para este órgano durante 38 anos

Ferrol -

O Tribunal Supremo, en auto do 18 de outubro, vén de confirmar a improcedencia do despedimento dunha traballadora do Colexio de Avogados/as de Ferrol, despedida logo de prestar servizos durante máis de 38 anos para este órgano.

O auto do TS declara a inadmisión do recurso de casación para a unificación da doutrina, interposto polo Colexio de Avogados/as de Ferrol contra da sentenza ditada pala Sala Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (de data 28-09-2015), e declara a firmeza desta sentenza.

Esta sentenza do TSX de Galiza, explican dende a CIG de Ferrol, estimou o recurso de suplicación interposto pala traballadora do Colexio de Avogados contra da sentenza do Xulgado Social 1 de Ferrol e declarou a improcedencia do despedimento acordado polo Colexio de Avogados/as de Ferrol, que foi condenado a optar entre readmitir a traballadora ou abonarlle a indemnización correspondente. O Colexio de Avogados/as optou polo pagamento da indemnización.

Neste senso, a CIG de Ferrol engade que a traballadora prestara servizos para o Colexio desde o 1 de maio de 1976 e foi despedida o día 12 de setembro de 2014 por remitir por correo electrónico, a determinados/as profesionais, unha copia dun expediente disciplinario polo que se pretendía sancionala logo de quedar en situación de incapacidade temporal.

O Xulgado Social 1 de Ferrol desestimara a demanda, declarando a procedencia do despedimento. Porén o TSX de Galiza revogou a sentenza de instancia e agora o TS confirma a sentenza do alto tribunal galego.

A traballadora prestou servizos durante 38 anos para o Colexio de Avogados/as de Ferrol,  e aínda que o órgano colexial recoñeceu a súa antigüidade no posta de traballo, ao inicio da relación laboral e durante 3 anos e medio non pagou a cotización correspondente á Seguridade Social.

Volver