O Tribunal Supremo confirma a sentenza do TSXG que pon en cuestión a legalidade da estrutura directiva da CRTVG

A CIG promoverá conflito colectivo e non descarta iniciar accións pola vía penal
Nacional - 14 Nov 2023

A sección sindical da CIG da CRTVG vén de facer público o auto ditado polo Tribunal Supremo de inadmisión a trámite do recurso de casación interposto pola CRTVG contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), de 22 de abril de 2022, que cualificou de improcedente o cesamento dunha persoa con contrato de alta dirección, ao declarar a existencia dunha relación laboral común. A sección sindical anuncia que promoverá conflito colectivo para reclamar que a cobertura destes postos de dirección ordinaria se realice con persoal propio.

Segundo explica a representación da CIG, a firmeza adquirida pola sentenza do TSXG pon en causa a legalidade da maior parte da contratación de alta dirección na Corporación. Nese sentido explica que “considerando unicamente o plano orgánico -dependencia xerárquica directa do Director Xeral- das 37 persoas con relación laboral especial de alta dirección, 30 estarían en fraude de lei (directores/as e subdirectores/as de departamento e xefes/as de servizo), aínda que o número podería ser maior se nos ativésemos ao plano material (exercicio autónomo de poderes inherentes á titularidade xurídica da empresa e relativo aos seus obxectivos xerais)”.

Apunta ademais que segundo o TSXG, non cabe confundir a alta dirección co exercicio de determinadas funcións directivas -fenómeno de delegación de poder sempre presente en organizacións complexas-, que lonxe de afectar os obxectivos xerais da empresa, se limitan ao ámbito dun servizo técnico claramente instrumental respecto da finalidade fundamental da empresa. As funcións directivas ordinarias fican sometidas ao ordenamento laboral común (relación laboral ordinaria).

Conflito colectivo

En consecuencia, a designación deste persoal directivo só pode realizarse, quer mediante convocatoria pública, con abrigo en sistemas de selección baseados nos principios de igualdade mérito e capacidade, quer mediante o nomeamento de persoas traballadoras do cadro de persoal.

Unha vez que recorrer á contratación externa non parece o sistema de provisión máis axeitado para cubrir postos estruturais, a CIG reclamará que se realice con persoal propio, para cuxo fin promoverá a presentación dunha demanda de conflito colectivo.

Revisión de oficio

Por outra banda, caso haxa declaración da situación administrativa de servizos especiais de persoas funcionarias que ocupan postos de alta dirección na CRTVG en fraude de lei, a CIG solicitará á Dirección Xeral de Función Pública a revisión de oficio das correspondentes resolucións.

Se non se cumpriren os requisitos legais para a declaración (e, no seu caso, mantemento) da situación de servizos especiais, esas persoas non poden estar beneficiándose de vantaxes, en comparanza cunha excedencia por incompatibilidade, como son o dereito ao recoñecemento e percepción de trienios, o cómputo do tempo de servizos para os efectos de ascensos e promoción interna, o dereito a reingresar ao servizo activo no mesmo posto de traballo que ocupaban con anterioridade con carácter definitivo, en caso de que se obtivese mediante concurso, e outros dereitos no réxime da Seguridade Social.

Cómpre advertir que o mantemento dunha situación administrativa en favor de persoas que non reúnen os requisitos para o seu goce non só constitúe un acto nulo de pleno dereito, senón que pode entenderse como unha resolución arbitraria nun asunto administrativo a sabendas de que tal situación é inxusta ou contraria a dereito, coas consecuencias administrativas ou penais correspondentes.

Posíbel responsabilidade penal

Porén, a situación de ilegalidade que evidencia a sentenza do TSXG non é novidosa, senón que xa foi constatada polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización da área de persoal da Compañía de Radiotelevisión de Galicia e das súas sociedades (2010), que no seu apartado IV.8.6. (“Contratación de persoal directivo”) facía a seguinte advertencia: “Polo que respecta ao Grupo CRTVG resulta evidente que, aínda no máis favorábel dos sentidos, gran parte do persoal denominado directivo, coas excepcións do Director Xeneral e os Directores Xerentes da TVG e RTG non cumpren os requisitos esixidos para a súa consideración como persoal de alta dirección.”

Porén, xordo ao informe do Consello de Contas e en contra do máis elemental principio de prudencia, o Director Xeral continuou facendo contratos de alta dirección para designar a dedo persoal directivo afín co único obxectivo de asegurar o control político da CRTVG, mesmo tendo que soportar esta unha maior carga económica en concepto de salarios e indemnizacións por despedimentos.

Por estas razóns, a CIG non descarta iniciar accións para que se determine a posíbel responsabilidade penal do Director Xeral.

Chamamento aos poderes públicos

Para alén das accións anunciadas, e diante da grave situación de inseguridade xurídica en que fica a CRTVG en todos os seus ámbitos de actuación, a CIG fai un chamamento aos poderes públicos galegos para actuaren a fin de restablecer a legalidade na corporación pública. A elección do/a Director/a Xeral por maioría cualificada do Parlamento da Galiza e a designación do cadro directivo entre o persoal propio, con criterios de profesionalidade, son medidas necesarias para garantir a independencia da CRTVG e o cumprimento das misións de servizo público para as que foi creada.