O TS dálle a razón á CIG e anula varios artigos do convenio da seguridade privada de 2015-16

O tribunal falla que se debe abonar o 75% de recargo polo traballo extra en festivo ou descanso
Nacional - 14 Set 2018

A CIG vén de gañar no Tribunal Supremo unha demanda que reclamaba a anulación de parte do articulado do convenio colectivo de seguridade privada vixente durante 2015 e 2016, e urxe á modificación da parte equivalente no actual convenio. A federación de Servizos da central nacionalista celebra o fallo e afirma que evidencia “as ilegalidades do acordo pactado por UGT, CCOO e USO”.

A CIG-Servizos, a través do seu responsábel de organización, Pedro Pérez, celebra como se resolve unha demanda histórica do sector, xa que o artigo 44 impedía a aplicación do 75% de recargo polo exceso de xornada aplicado en festivo ou descanso semanal, xerando importantes perdas económicas aos traballadores/as da seguridade privada. 

O artigo 44 xerou importantes perdas económicas aos traballadores/as da seguridade privada.

 A sentenza considera que o artigo anulado “efectivamente é contrario ao artigo 47 do RD 2001/1983, que establece, “cando, excepcionalmente e por razóns técnicas ou organizativas, non se puidera gozar do día de festa correspondente ou, no seu caso, de descanso semanal, a Empresa ten a obriga a aboar ao traballador, ademais dos salarios correspondentes á semana, o importe das horas traballadas no día festivo ou período de descanso semanal, incrementadas nun 75%, como mínimo, agás descanso compensatorio”.

O fallo insiste en que se o exceso de xornada “procede forma excepcional e afecta a días ou horas comprendidas no habitual descanso semanal do traballador en cuestión, no prezo de tales horas debería ser o resultante de aplicar un incremento do 75%”.

Duro varapao a CCOO, UGT e USO

Alén disto, e dando tamén a razón á CIG no que respecta á crítica ás centrais que asinaron o convenio impugnado, sinala que “resulta sorprendente que este desaxuste non sexa advertido polos negociadores do convenio no ano 2015 e manteñan tal incomprensible construción, que parece non detectar que un e outro concepto levan a unha cuantificación distinta na retribución”.

Crédito horario a representantes dos e das traballadores/as

O outro artigo que o TS vén de anular, o 63, “estaba redactado de tal xeito que beneficiaba os sindicatos estatais”, segundo indica a central nacionalista, “recoñecéndolles un crédito sindical a nivel estatal que lles permitía distribuír as horas ao seu interese”. Procuraba marxinar, deste xeito as centrais de dimensión autonómica, así como limitar o dereitos das e dos representantes dos traballadores/as ao crédito horario legalmente establecido.

O artigo 63 estaba redactado para beneficiar os sindicatos estatais

Deste xeito, e concordando coa CIG, a sentenza establece que é o/a representante dos traballadores/as a quén corresponde, dispor libremente do crédito horario, coa dimensión prevista legal e convencionalmente, e é conforme coa natureza das cousas que sexa así, pois o momento da utilización do crédito estará en función da clase de actividade representativa a desenvolver, que tanto pode ser a comunicación, asesoramento ou asistencia aos traballadores, como a concorrencia a reunións, cursos de formación, congresos, seminarios, etc, acontecementos que non teñen necesariamente que coincidir coa xornada diaria dos traballadores…

Urxen á reunión da mesa negociadora

Finalmente, e tras a anulación de ambos artigos, desde a CIG-Servizos instan a unha xuntanza da mesa negociadora para corrixir o articulado equivalente no convenio 2017-2020, así como a cuantificar a suma que deixaron de percibir os traballadores/as todos estes anos por uns epígrafes redactados en beneficio exclusivo da patronal. Tamén a que cesen os impedimentos ao traballo sindical mediante os límites ao crédito horario.