O TSXG dálle a razón á CIG sobre a arbitrariedade na modificación das retribucións do aparellador de Cambre

- 20 Out 2017

A Sección 1 do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acaba de darlle a razón á CIG revogando unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo numero 4 da Coruña. O obxecto da demanda foi a modificación, unilateral e arbitraria, das retribucións do posto de aparellador do Concello de Cambre.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) impugnou o acordo do 28 de setembro de 2016 do Pleno do Concello de Cambre, polo que se procedeu  á modificación puntual da relación de postos de traballo (publicada no Diario Oficial de Galiza de 24 de outubro de 2016), no que se refire ás  retribucións complementarias do posto de aparellador municipal, reducindo o seu complemento de destino e específico, pasando do nivel 26 que figuraba dende 1999 a un nivel 24.

Este cambio levouse a cabo por parte do concello sen modificación funcional ningunha, sen motivación, sen xustificación e sen realizar unha nova valoración dos postos de traballo.

Para a CIG-Administración Local, o máis importante deste sentenza radica no razoamento xurídico: "Dende  logo, a invocación do exercicio da potestade de auto  organización por parte da Administración municipal non é suficiente para xustificar a minoración do nivel, porque a mesma non quere dicir que a Administración goce dun apoderamento totalmente discrecional, desligado dos criterios legais que o xustifican, ademais de que, para a ordenación do seu persoal, no seu exercicio está sometida á legalidade e aos principios xerais de interdición da arbitrariedade dos poderes públicos, proclamado no artigo 9.3 da Constitución".