O último día de folga das TCAE do Álvaro Cunqueiro rexistra un elevado seguimento

O paro tivo un maior impacto que na xornada anterior
Vigo - 28 Xun 2018

O último día de folga dos catro convocados pola comisión de centro do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo contra a decisión da Xerencia de obrigar as Técnicas/os en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) a transportar a bolsa da roupa sucia tivo un impacto maior que na xornada anterior a causa do elevado seguimento por parte das traballadoras/es, obrigando a suspender intervencións cirúrxicas e afectando a máis servizos.

Segundo salientan dende a CIG-Saúde, o colectivo de TCAE vén de demostrar que este conflito segue “máis vivo que nunca a pesar dos prexuízos económicos ocasionados tras estes catro días”. Ademais, lembran que as mobilizacións continuarán durante os meses de xullo e agosto con concentracións todos os martes ás 12:00 horas.

Na federación sosteñen que este conflito derívase do modelo de xestión elixido polo o Goberno do PP para explotar este centro sanitario “abríndose ao beneficio do capital privado e que orixinou que a súa xestión estea secuestrada pola sociedade concesionaria”.

Neste senso, destacan que a cidadanía demostrou mediante a mobilización “que foi quen de parar a idea de estender este modelo a outros hospitais”. Finalmente, apelan a esta mesma loita “para recuperar a situación anterior ao 2 de maio e que sexa a concesionaria a que realice a labor de retirada de roupa sucia, xa que por esta e outras labores o Sergas abónalle unha enorme cantidade de cartos públicos durante moito tempo”.