O verán multiplica a temporalidade no mercado de traballo

En xullo asináronse 107.578 contratos en Galiza, malia o paro baixar só en 7.794 persoas
Nacional - 02 Ago 2017

Como vén sendo habitual nesta época do ano, o paro rexistrado descendeu en Galiza en 7.794 persoas durante o mes de xullo (un 4,11% %), acadándose as 181.871 desempregadas e desempregados. Un descenso de carácter estacional, que se dá coincidindo co tirón turístico do verán. De aí que a maior caída se produza no sector servizos, onde o paro baixou en  4.925 persoas, seguido da industria (-1.051), construción (- 962) e agricultura (-722).

Porén estas cifras, a CIG  alerta de que a redución do desemprego se está a producir a conta da precarización do mercado laboral, marcado polos contratos de escasísima duración, e da emigración. De feito, aínda que o paro baixou en 7.794 persoas, durante o mes de xullo asináronse en Galiza un total de 107.578 contratos, 3.965 máis que os rexistrados en xuño e 8.091 contratos máis que no mesmo período do ano anterior.  

O 80,76% dos contratos formalizados foron no sector servizos. Non obstante, malia asinárense 86.880 contratos neste sector, o número de parados/as só se reduciu en 4.925 (63,19% do total). Non hai que perder de vista tampouco que dos contratos asinados, o 93,83% (100.937) foron temporais e só 6.641 se fixeron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Ademais, a contratación indefinida reduciuse con respecto do mes anterior un 7,96%, ou o que é o mesmo, houbo 574 contratos indefinidos menos que en xuño.

O Secretario Confederal de Emprego da CIG. Franciso Xabier Cartelle, alerta que a temporalidade chega a un punto tan preocupante que, "se facemos a conta, vemos que por cada persoa desempregada menos corresponderían, nun só mes, 13 contratos. Unha cifra autenticamente escandalosa", asevera. Neste senso, engade, "no verán multiplícase a temporalidade no mercado laboral precarizado que deixou a reforma laboral do PP".

A isto hai que engadir que número de desempregados/as beneficiarios/as de algún tipo de prestación só chega ao 48%, e cada vez o número de persoas que teñen só subsidio é maior que os que perciben prestación contributiva.

Por iso manifesta a preocupación da CIG “por este modelo de mercado laboral cada vez máis polarizado, cun número cada vez maior de traballadores/as que non teñen condicións dignas, con traballos precarios, de moi escasa duración e que nin lles dan dereito a acceder a unha prestación”.