O VII Congreso aproba o Informe de Xestión da Executiva saínte con 458 votos, ningún en contra e só tres abstencións

A CIG é primeira forza do país en afiliación e está a piques de selo tamén en representación

Nacional -

» ACCEDE AQUÍ AOS VÍDEOS DO VII CONGRESO

O VII Congreso da CIG, que se celebra baixo o lema “Coa CIG somos máis fortes”, arrincou esta mañá en Compostela co debate e votación do Regulamento do propio Congreso, o saúdo do secretario comarcal de Compostela, Anxo Noceda, ás/aos congresistas e a presentación do Informe de Xestión, que correu a cargo do secretario xeral, Suso Seixo, e que foi aprobado co voto favorábel da práctica totalidade dos/as congresistas (458 votos), ningún en contra e 3 abstencións.

Seixo arrincou a súa intervención presentando os resultados do traballo desenvolvido neste período no que a CIG foi a central sindical que protagonizou a conflitividade laboral, as mobilizacións e as alternativas; mellorou os seus índices de afiliación, situándose como primeira forza en afiliados/as, e no que se acadaron uns moi bos resultados nas eleccións sindicais, a tan só unhas centésimas de ser a primeira forza en representatividade nas empresas.

Xunto a isto fixo un percorrido pola situación política e económica a nivel mundial e, en concreto, a situación na UE. Denunciou as políticas económicas e laborais impostas por institucións como o BCE, CE ou FMI como resposta á crise, que “supuxeron a perda de miles de postos de traballo e o empobrecemento de amplos sectores da sociedade, ao tempo que se protexían os intereses do sector financeiro, pola vía de axudas, do crédito barato e da especulación coa débeda pública”.

Un retrato que o levou a rexeitar o carácter “antisocial” da UE que se está a construír tanto para a poboación de Europa como para as persoas refuxiadas, “vítimas da miseria e das guerras, resultado das políticas imperialistas promovidas por occidente nos seus países de orixe”.

O secretario xeral afondou especialmente na situación socioeconómica, laboral, política e sindical en Galiza e no Estado español e denunciou as consecuencias das sucesivas contrarreformas laborais e o importante retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora, ao desregular e flexibilizar as condicións en materias como a contratación, o despedimento, a xornada, o salario ou mesmo a negociación colectiva. “Estamos a falar”, dixo, “dun calculado e continuado proceso de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, a prol do capital”.

Denunciou tamén o desmantelamento do sistema de protección social e puxo especial énfase nas consecuencias sociolaborais que para Galiza e a clase traballadora galega, nomeadamente para os menores de 34 anos, tiveron todas estas políticas: perda de poboación activa; perda de postos de traballo; miles de persoas desempregadas; máis contratación temporal; perda xeneralizada de poder adquisitivo dos salarios; recorte de gasto público en servizos públicos esenciais e, en moito casos, a súa privatización e caída da capacidade produtiva, nuns casos, e perda de control por parte do capital galego, noutros, de sectores produtivos básicos.

Unha situación diante da que denunciou a incapacidade do goberno galego, do PP, para actuar en defensa dos intereses de Galiza e actuar, porén, “como salvagarda do neoliberalismo e dos intereses das grandes empresas e da oligarquía española”.

Acción sindical

Fronte estas políticas lembrou que a CIG centrou a súa acción sindical en combater estes recortes de dereitos, o que obrigou a manter unha actividade constante, tanto á hora de dar alternativas, como da mobilización social en materias como a negociación colectiva, o emprego, os servizos públicos, as pensións, a igualdade de xénero, a defensa dos sectores produtivos, a recuperación de dereitos, a oposición aos tratados de libre comercio ou a defensa das liberdades públicas, do noso idioma e da necesidade de soberanía política para Galiza.

Considerou que malia a situación do mercado laboral e da paralización e empeoramento que se deu nun ámbito esencial como é a negociación colectiva conseguiuse activar un nivel de conflitividade e de mobilización social importante que se materializou en conflitos e accións reivindicativas, acompañadas de concentracións, manifestacións, folgas de fame ou folgas de empresa ou sectoriais vinculadas a cuestións como despedimentos individuais ou colectivos; deterioro dos servizos públicos; non pagamento e non cotización de horas extras, acoso laborais, represión sindical, mellora salarial ou por mor dos intentos de recortes de dereitos nos convenios colectivos ou as propias campañas sobre temas xerais promovidas pola CIG.

Negociación colectiva

Denunciou a parálise da negociación colectiva e o retroceso de moitos convenios como consecuencia das sucesivas contrarreformas, feitas precisamente “para debilitar a capacidade de presión da clase traballadora” e lembrou que, nun primeiro momento se lle deu prioridade a salvagardar a ultraactividade dos convenios sen límites temporais. Mais tamén sinalou que se dedicou especial atención a impedir que as empresas aproveitasen esta lexislación laboral favorábel aos seus intereses para presionar aos delegados/as sindicais e forzar a sinatura de convenios de empresa con condicións inferiores aos convenios de sector.

Aínda que especificou que, de momento, os casos de convenios de empresa que minoraron as súas condicións de traballo e salarios non son moi numerosos, si denunciou que “nos que se deu esa circunstancia” foi en empresas que “contaron coa inestimábel colaboración, nuns casos de CCOO e noutros de UGT, que chegaron a pactar até reducións nos salarios superiores a 200€ ao mes”.

Xunto a isto, denunciou a dinámica xerada polas centrais sindicais estatais, CCOO e UGT de asinar convenios marco de ámbito estatal e a campaña promovida a nivel social e nas empresas contra estas prácticas, ademais de propor un Acordo Interprofesional Galego sobre a estrutura da negociación colectiva no marco do Consello Galego de Relacións Laborais.

Campañas

Fixo un rápido percorrido polos centos de iniciativas formativas impulsadas desde o Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral e deu conta das distintas campañas desenvolvidas a nivel confederal, como a posta en marcha durante o ano 2015 baixo o lema “Contra a pobreza, emprego e salarios dignos”.

Tamén salientou a campaña comezada a finais de 2016 “Pola recuperación dos dereitos laborais e sociais contra a precarización do mercado laboral” e a campaña permanente en defensa das pensións, ademais dos numerosos actos de protesta e manifestacións contra os recortes de dereitos laborais e o deterioro dos servizos públicos. A este respecto chamou a atención sobre as 9 convocatorias de folga contra a LOMCE nas que participou a CIG e a ILP promovida no parlamento para a restitución dos dereitos laborais, profesionais e retributivos do profesorado e para mellorar a calidade do ensino.

O secretario xeral non esqueceu o traballo desenvolvido en materia de igualdade de xénero e a implicación da CIG na loita feminista, como tampouco a loita constante en defensa do noso idioma.

Volver