O VII Congreso da CIG-Administración elixe a Xabier Picón como novo secretario nacional

Desenvolveuse este sábado en Ferrol baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía, Democracia”

Ferrol -

O VII Congreso da CIG-Administración Público elixiu este sábado a Francisco Xabier Picón Picallos como novo secretario nacional, en substitución de Maricarme López Santamariña. A candidatura de Picón, a única que se presentou para a Secretaría Nacional, obtivo 144 votos a favor, 20 en branco e 3 nulos. No proceso, que se desenvolveu en Ferrol baixo o lema “Servizos Públicos, Soberanía, Democracia”, tamén se escolleu á nova Executiva Federal e aos membros que representarán a federación no Consello Confederal.

Composición da Executiva Federal

A nova Executiva Federal, á que se presentou unha candidatura de consenso encabezada por Xabier Picón, recibiu 150 votos a favor, 11 en branco e 6 nulos.

1.-Francisco Xabier Picón Picallos
2.-María Carme López Santamariña
3.-Fernando García Fernández
4.-Ana Santomé Santos
5.-Xaime Rey Vázquez
6.-Xosé Barreiro Pérez
7.-Carolina Castro Baamonde
8.-Gerardo Alvaredo Maceda
9.-María Xosé Santos Paz

Picón salienta a unidade "que fai máis forte a Federación"

Tras o reconto de votos e a proclamación de candidaturas, tomou a palabra, xa como novo secretario nacional, Xabier Picón, nunha intervención na que salientou a unidade acadada neste Congreso, "que fai máis forte a Federación e a nosa capacidade de acción sindical".

Ao tempo repasou “as tarefas que nos agardan nestes próximos catro anos”, a comezar por un fortalecemento da propia organización e a traballar máis proximamente co conxunto da área pública da CIG.

O novo secretario federal lanzou un chamado a recuperar a negociación colectiva como mellor ferramenta para a  defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores das administracións. “Non podemos resignarnos a administrar as migallas que caen das mesas de negociación. Para iso xa están UGT, CCOO e CSIF, que comen directamente na mesma mesa que quen parasita as administracións e os servizos públicos”, denunciou.

Por iso, engadiu Picón, “cando a negociación faia toca facer acción sindical”. Unha acción destinada a combater a taxa de reposición, a loitar contra a precarización instalada nas administracións, marcadas pola temporalidade e a degradación das condicións laborais, e a perda de emprego de case 10.000 prazas. Animou a combater os acordos estatais e galego para a suposta mellora do emprego público “e que na realidade referenda o 50% da taxa xeral de reposición e supón a morte de moitos servizos públicos”. A loitar por derrogar a Lei 2/2012 de medidas provisionais (que a pesar do seu nome xa se converteron en permanentes) e a pelexar pola recuperación do poder adquisitivo perdido ao longo destes anos.

Consello Confederal

A candidatura para o Consello Confederal recibiu 147 votos a favor, 9 en branco e 11 nulos. Deste xeito, os membros que representarán a Federación son:

1.-Francisco Xabier Picón Picallos
2.- Cristina Hermida Monelo
3.-Consuelo Rodríguez Rodríguez
4.-Xan Carlos Ansía Rodríguez
5.-Enrique Parcero Rodríguez
6.-Roberto Tizón Miguéns

Para encetar esta batalla cómpre incrementar a representatividade e aínda que a CIG é primeira forza no cómputo do período 2014-17 e o sindicato maioritario en cinco comarcas e catro sectores, “temos por diante unhas eleccións sindicais, nas que partimos dunha situación importante, pero manifestamente mellorábel en canto a resultados”.

Independencia da CIG

Neste senso, salientou a independencia económica da CIG que, a diferenza doutros sindicatos, se sostén principalmente das cotas da afiliación, “o que nos garante unha independencia da que outras centrais carecen. As subvencións externas non condicionan a nosa actividade sindical”, aseverou. “Temos ademais unha caixa de resistencia que nos permite afrontar conflitos longos e isto tamén nos fai moito máis fortes”, porque os “fondos que temos non son para estar parados, son para apoiar a nosa acción sindical e a nosa presenza permanente na rúa”.

Nestes tarefa, destacou Picón, “temos que visualizar o noso traballo”, polo que a presenza constante nos centros de traballo faise imprescindíbel. Só así conseguiremos “manter as traballadoras e os traballadores que representamos plenamente informados e en permanente disposición para responder ante calquera agresión”.

“Compañeiros e compañeiras, rematou Picón, facemos un chamamento a que o noso berro se converta na nosa realidade cotiá: coa CIG na rúa, a loita continúa”.

Carril chama a enfrontar as políticas servís da Xunta do PP

O acto de clausura do VII Congreso contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen fixo recoñecemento á compañeira Maricarme López polo seu compromiso e dedicación nestes anos á fronte da CIG-Administración, e ao conxunto da Federación "polo exemplo de unidade que hoxe dades,  que facilita levar a nosa acción sindical aos centros de traballo, mais garantindo da diversidade".

Na súa intervención, Carril foi moi crítico coas actuacións do Goberno galego e, nomeadamente, do seu Presidente, Alberto Núñez Feixoo, “que renega de actuar en defensa dos galegos e galegas” acomodado no seu “papel de servil criado” das políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas. Exemplo desta submisión atopámola na Lei de Orzamentos de 2018, na que se mantén a conxelación de salarios para as traballadoras e traballadores da administración pública galega “até que en Madrid lles diten o que teñen que facer”.  Ou tamén na política de desmantelamento que a Xunta está a facer da administración de xustiza, mantendo as discriminacións laborais e salariais que sofre o persoal deste sector en Galiza.

Denunciou tamén a escandalosa posición que sostén o Goberno Feixoo en relación ao proceso que se está a vivir en Catalunya, “ao apostar por sumarse á defensa irracional, violenta e represora da Constitución de 1978 e de todas as medidas represoras aprobadas polo réxime español podre e corrupto”, ou á crítica que lanza estes días contra Euskadi polo chamado “cupo vasco”. Unhas arremetidas inxustificábeis cando, precisamente, debería aspirar a conseguir para o seu país “o recoñecemento dos dereitos que como nación que somos nos corresponden, e a reclamar que as relacións económicas e financeiras entre Galiza e o Estado español sexan a través do concerto económico, como única alternativa de autonomía real para termos un futuro de dignidade e xustiza social”, aseverou Carril.

Concerto económico

Neste senso lembrou que a defensa do concerto económico como sistema de financiamento dunha Galiza digna está presente na tradición do pensamento económico galego, e así “xa o defendeu na II República o Partido Galeguista, con Alexandre Bóveda á cabeza”. Figura á que este VII Congreso da CIG-Administración quixo render homenaxe.

Fronte a isto, o secretario xeral animou as e os presentes a aumentar os esforzos para incrementar a presenza nos centros de traballo e encabezar a mobilización, propondo alternativas ousadas  que permitan combater e derrotar as contrarreformas laborais aprobadas nos últimos anos, que só conducen “a unha situación social sen saída” de precarización e empobrecemento xeneralizado. Mais tamén para rachar cos marcos estatais de negociación colectiva e ir construíndo o Marco Galego de Relacións Laborais.

Un camiño no que cómpre enfrontar a “lacra social” que para a clase traballadora representa o modelo sindical de pacto social e do que na administración pública acabamos de ver un recente exemplo coa sinatura do chamado Plan de Estabilización, “co que UGT e CCOO entregan un cheque en branco ao PP e a Feixoo para consolidar os recortes do persoal destes últimos anos, o non aumento do emprego público e a lexitimación da temporalidade que hoxe hai na administración pública”, advertiu.

Pulando pola Folga Xeral de Mulleres do 8 de Marzo

Nunha data como a do 25 de novembro, Paulo Carril salientou que a CIG pula ser un maior e máis útil referente na acción feminista da clase traballadora galega “e sermos máis capaces de combater os ataques sobre os dereitos das mulleres e enfrontar as desigualdades e discriminacións que sofren”. Por iso, a CIG ten acordado asumir como propia a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres que terá lugar o próximo 8 de marzo, tal e como así se acordou no III Encontro Nacional de Mulleres da CIG que tivo lugar esta semana. “Hoxe, 25 de novembro, para a CIG a mellor maneira de reivindicar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres é o comezo da conta atrás para esta xornada de paro do 8 de marzo, porque violencia, nin na rúa, nin no traballo, nin na casa”.

O secretario xeral rematou a súa intervención chamando a reforzar a central sindical “como unha expresión viva e organizada, que ten estrutura e capacidade de iniciativa e de reposta, que somos capaces de converter toda a conflitividade laboral e social en poder popular”. Marcándonos tamén como obxectivos estratéxicos “a conquista dunha nova organización económica e social da sociedade galega nunha Galiza soberana e socialista”.

As administracións públicas, marcadas pola precariedade

O VII Congreso comezaba coa saúda do secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal. A continuación procedeuse ao debate e a votación do informe da Executiva saínte, que resultou aprobado con 64 votos a favor, 17 en contra e 14 abstencións. Maricarme López Santamariña, aínda como secretaria nacional da Federación, foi a encarga de defender o documento no que se subliña o esforzo realizado ao longo destes catro ano dende a CIG-Administración para lograr a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos polas traballadoras e traballadores das administracións públicas, así como para recuperar a perda de servizos públicos e do emprego público.

Neste senso, lembrou o impacto que as políticas de austeridade e os recortes implementados dende os gobernos teñen provocado nas administracións públicas galegas, caracterizadas a día de hoxe pola precariedade, cunha eventualidade do 30-40% nos cadros de persoal; a caída de máis dun 6% de emprego público; a amortización de prazas e o incremento do desemprego; o aumento da idade media das cadros de persoal (arredor dos 50-55 anos); a diminución da calidade dos servizos públicos e a desaparición ou privatización de moitos deles; ou mesmo o aumento da corrupción derivada da concentración de empresas privadas para xestionar actividades propias dos poderes públicos.

"Cuestións todas elas coñecidas por todas e todos nós, pero que temos que ter sempre presentes á hora de abordarmos o noso traballo sindical por parte de todas as estruturas", apuntou López Santamariña.

Neste contexto negativo, a negociación colectiva "foi case nula" e supeditada ao control do gasto público, "o que lles permite aos dirixentes publicar nos distintos diarios oficiais normas que restrinxan dereitos, suspendan convenios ou minoren salarios sen outro argumento que o control orzamentario", denunciou Maricarme López. Deste xeito a negociación colectiva nas administracións, "ás máis das veces, limítase a un simple trámite de audiencia".

A farsa do Acordo de Estabilidade

Pero para executar este paripé de negociación colectiva, "os gobernos estatal e autonómico contaron coa colaboración dos outros tres sindicatos con presenza na función pública". Algo que se fixo evidente este ano co acordo asinado entre o Goberno de Madrid e UGT, CC.OO e CSIF o 29 de marzo. "Pretendérono vender como un grande acordo de estabilidade no emprego público cando non é máis que unha nova declaración de intencións, que, de se cumprir, nin sequera recuperaría o nivel de emprego do ano 2010 e que non inclúe a recuperación dos dereitos usurpados", advertiu López Santamariña.

A Xunta de Galiza utilizou a mesma táctica presentando un “Acordo de Estabilidade” que "é un calco do de Madrid" e que a CIG non validou co seu asinamento por non ser un acordo autónomo, non incluír a devolución dos salarios, a derrogación da Lei de medidas temporais e o levantamento da suspensión da aplicación de acordos anteriores, como o propio V Convenio colectivo do persoal laboral. Ademais, o acordo prorrogarase até 2020, "cando está baseado na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017, cunha vixencia temporal concreta".

Xunto a isto, nese acordo establécese unha pretensión de chegar a un índice de temporalidade do 7%, "pero oculta cal é a temporalidade actual. Sen esa mínima transparencia é imposíbel avaliar o éxito ou o fracaso das medidas propostas", advertiu. Ademais, as comisións e subcomisións de seguimento do acordo solapan as funcións das mesas de negociacións, únicos órganos legalmente habilitados.

Pero aínda nun panorama tan desolador para a negociación colectiva e para os dereitos das empregadas e empregados públicos, conseguíronse avances nalgúns colectivos nos que a CIG ten unha presenza maioritaria ou nos que a CIG tomou a iniciativa. Así, logrouse o recoñecemento da categoría de bombeiros/as forestais para o persoal do SPDCIF; ou a integración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na Xunta de Galiza e, consecuentemente, a aplicación do V Convenio Colectivo ás 1.800 traballadoras e traballadores deste servizo.

Primeira forza sindical

A CIG-Administración é a primeira forza no cómputo do período 2014-2017"

A respecto dos resultados de eleccións sindicais, no Informe da Executiva destácase que a CIG-Administración é primeira forza no cómputo do período 2014-17 (seguida por CCOO, CSIF e UGT); primeira forza nas comarcas da Coruña, Ferrol, Ourense, Compostela e Vigo e nos sectores de local, autonómica, estado e universidades.Saliéntase a suba de delegados/as rexistrada na administración local, "logrando presenza en moitos concellos nos que non tiñamos representación e nalgunhas deputacións provinciais". Uns bos resultados que avalan a acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos.

En canto á afiliación, destacou que nestes catro anos conseguiuse manter o número de afiliados e afiliadas malia o descenso real dos cadros de persoal en todas as administracións públicas. Tanto é así que no total das administracións públicas, dende 2009, en Galiza pasouse de contar con 151.159 empregadas e empregados públicos a ter 142.556, o que supón unha perda total de 8.603 efectivos.

Concentración contra a violencia machista

Con motivo da conmemoración este sábado do 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, as delegadas e delegados da Federación de Administración Pública, interromperon a celebración do VII Congreso para participar nunha concentración en repulsa á violencia machista.

A protesta desenvolveuse ás portas do hotel de Ferrol no que tivo lugar o congreso e na mesma portouse unha faixa na que se podía ler o lema da campaña da Secretaría das Mulleres da CIG para este 25-N, "Violencia: nin na rúa, nin no traballo, nin na casa"..

Recuperar os dereitos e os servizos públicos

Neste VII Congreso ficaron definidas tamén as liñas de acción e as alternativas da federación para os próximos anos, recollidas nas diferentes resolucións aprobadas no Relatorio de Acción Sindical, que saíu adiante con 126 votos a favor, 1 en contra, 5 abstencións. Así mesmo, ficaron aprobadas as modificacións estatutarias con 147 votos a favor, ningún en contra e 8 abstencións.

Entre outras cuestións, para combater a temporalidade nas administracións públicas, púlase por conseguir plans de estabilización de emprego e ofertas de emprego público con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para, cando menos, recuperar os niveis de 2009, garantindo o mantemento da eficacia na prestación dos servizos públicos. Para isto será necesario eliminar as taxas de reposición de efectivos impostas até agora.

Lograr tamén a elaboración dunha normativa que obrigue a que ao persoal da administración instrumental ou paralela se lle aplique a normativa laboral do persoal da administración da que depende.

No tocante os salarios, a CIG-Administración defende un sistema retributivo que contemple a recuperación dos dereitos en materia salarial (incluíndo as pagas extras completas), así a como o establecemento dunha cláusula de revisión que garanta o mantemento do poder adquisitivo das empregadas e empregados públicos.

Xunto a isto, reclámase a redución da xornada laboral a 35 horas semanais, unha medida que favorecería a xeración de postos de traballo, incrementando así as cotizacións á Seguridade Social, ademais de facilitar a adecuación da xornada laboral á conciliación da vida familiar e laboral.

Ademais, propóñense medidas para explorar a vía da carreira profesional; conseguir melloras en materia de prevención de riscos laborais; en igualdade de xénero; sobre medidas de conciliación laboral e familiar; para recuperar os fondos de acción social na súa totalidade e chegar ao 1% da masa salarial; implantar medidas de responsabilidade social nos contratos administrativos; de apoio á discapacidade; ou na defensa e promoción do uso da nosa lingua.

E así mesmo, continuar a traballar na organización interna para conseguir unha mellor comunicación entre as estruturas da federación, así como unha forte organización de cara a afrontar os procesos de eleccións sindicais.

Necesidade de soberanía

No Relatorio de Acción Sindical deféndese a necesidade de contar cun modelo de Administración Pública ao servizo da construción da República galega e dos servizos públicos. Por iso, a Federación impulsará e participará "en canto movemento tente facer efectivo, no cadro do dereito internacional, o dereito a decidirmos en Galiza, aquilo que é garantía do seu futuro e supervivencia, e a se tornar nun estado normal máis no cadro internacional, no ámbito solidario da comunidade lusófona". Posto que termos soberanía é o único garante de control polo pobo galego de elementos fulcrais básicos da súa identidade e do seu ser no mundo.

Lembrando a figura de Alexandre Bóveda

A Federación de Administración Pública da CIG quixo aproveitar este VII Congreso para render unha homenaxe e recoñecemento á figura de Alexandre Bóveda como "funcionario comprometido cos dereitos colectivos e nacionais". O acto contou coa participación da filla de Bóveda, Amalia, e da súa neta Paula, a quen a Federación fixo entrega dun pequeno agasallo.

Neste senso, Carmen Viso en nome de toda a CIG-Administración, aseverou que "como empregados/as públicos/as galegos/as comprometidos/as coa nosa terra, coa nosa realidade social e laboral, queremos facer un recoñecemento de respecto e honra á historia e entrega daqueles que nos precederon no camiño do recoñecemento dos nosos dereitos, recollendo o seu exemplo e honrando o seu activismo e entrega".

Lembrou que Bóveda foi un funcionario reputado que, con tan só 24 anos, acadou a Xefatura do Departamento de Contabilidade da Delegación provincial de Facenda en Pontevedra. Ademais, colaborou de xeito determinante no estudo e formación da Caixa de Aforros de Pontevedra, e será peza fundamental en todo o proceso de deseño, elaboración e redacción final  do Estatuto de Autonomía de Galiza. Participando de forma incansábel para lograr a súa aprobación en referendo, desde a Asemblea de Concellos de 1932 até o Plebiscito de 1936.

Bóveda foi detido en xullo de 1936 e fusilado o 17 de agosto polas forzas fascistas "pola súa firme lealdade democrática e galeguista diante do golpe militar e, sobre todo, polo seu firme compromiso político coa realidade galega, en favor da maioría social da que se sentía parte".

Homenaxe a Carlos Crespo
Neste VII Congreso tamen se quixo render unha homenaxe a Carlos Crespo polo seu compromiso militante e incansábel na defensa os dereitos das traballadoras e traballadores galegos e na construción e consolidación desta central sindical. O compañeiro Crespo foi secretario nacional da CIG-Administración e membro da Executiva Federal neste último período.
 
Participación de delegacións convidadas

Tras o reinicio da xornada na sesión de tarde, tocou á quenda ás intervencións das delegacións convidadas a este VII Congreso, que contou coa presenza de Igor Eizaguirre e Ekaitz Oianguren de ELA; Francisco Jose Santos Baz, Guida Correira e Baltazar Gonçalvez de STAL; David Huésca e Néstor Sastre da CSC; e Asumpta Barbéns e Montse Sala de CATAC. Ademais, aínda que non puideron estar presentes, tamén remitiron a súa saúda LAB, CGTP e STAS-IV.

Volver