O VII Congreso da CIG-Construción que se celebra este sábado escollerá novo secretario nacional

Será en Santiago co lema “Unidade, dereitos, soberanía. O sindicalismo nacionalista, a ferramenta”

Nacional -

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG escollerá novo secretario nacional no seu VII Congreso, que terá lugar en Santiago este sábado 25 baixo o lema “Unidade, dereitos, soberanía. O sindicalismo nacionalista, a ferramenta”. O proceso, na que teñen dereito a participar un total de 86 delegados/as, celebrarase no colexio maior Fonseca a partir das 9:00 horas.

Durante a xornada debateranse e acordaranse as liñas de traballo a desenvolver durante os vindeiros catro anos, renovaranse os organismos de dirección, escolleranse os/as representantes da federación no Consello Confederal e elixirase o secretario nacional. Ao proceso concorre unha única lista, encabezada por Plácido Valencia Rodríguez.

A FCM encara a cita tras un período no que as consecuencias da crise económica golpearon especialmente os sectores e subsectores que fan parte dela, até o punto de que o número de traballadores/as afiliados/as á Seguridade Social pasou de 148.898 en 2007 aos 71.136 actuais. Ademais, fronte á tan cacarexada recuperación os datos amosan que no noso país unicamente se crearon 2500 empregos no sector nos últimos catro anos.

Consolidación da precariedade

Ao mesmo tempo, a precariedade xa se atopa normalizada por causa das diferentes reformas laborais do PSOE e do PP, polo que os postos de traballo van acompañados de condicións laborais e salariais cada vez máis deterioradas. “As xornadas de traballo son cada vez máis longas e en moitos casos non se respectan as xornadas de descanso ou festivas”, denuncian.

A paralización da obra privada e da edificación, así como a lentitude na licitación de proxectos públicos, son as principais problemáticas que lastran o sector da construción e que afectan de xeito indirecto a moitos dos subsectores dependentes. “Isto fai imposíbel a súa consolidación, xa que está suxeito sempre a intereses económicos, ben da patronal ou dos gobernos das distintas administracións. “Por non falar de que a pouca carga de traballo vai dirixida na maioría dos casos a traballadores/as doutras partes do Estado ou mesmo do estranxeiro”.

Volver