A CIG-Ensino homenaxea a Anxo Louzao tras 16 anos á fronte da federación

Pola súa defensa a ultranza do ensino público galego, da nosa lingua, da nosa clase, da nosa patria

Nacional -

Delegadas e delegados do VII Congreso da CIG-Ensino, xunto coas delegacións internacionais convidadas e representantes de organizacións sociais e políticas  galegas ovacionaron ao que durante os últimos 16 anos foi secretario nacional da federación. Canda el, as persoas que nesta xornada abandonaban a Executiva federal recibiron un agasallo en recoñecemento ao seu compromiso inquebrantábel “na defensa a ultranza do ensino público galego, da nosa lingua, da nosa clase, da nosa patria”, tal e como subliñou o recén elixido secretario nacional Xesús Bermello.

Tras salientar o seu labor á fronte da CIG-Ensino, Bermello deu a palabra a Louzao, do que reproducimos a súa intervención:

"Esta obra inmensa que é a CIG-Ensino, esta ferramenta insubstituíbel  para emancipar a clase traballadora galega e liberar a nosa nación é o resultado da loita e implicación de moitas compañeiras e compañeiros que se foi sumando desde hai 43 anos coa fundación da UTEG, pasando pola conformación da CIG-Ensino, no ano 1994, até o día de hoxe. Todos e todas somos participes e debemos sentirnos protagonistas de que a CIG-Ensino se convertera no referente  sindical do profesorado galego, sen que isto supuxese renunciar nin un ápice aos nosos postulados sindicais, ideolóxicos e políticos.

Conscientes de que somos unha nación colonizada, fomos fraguando este proxecto no enfrontamento permanente co españolismo para exercermos o dereito á autoorganización. Afianzamos o noso modelo sindical na loita diaria, no combate contra a explotación e  a desigualdade e na procura dun país libre para un ensino de noso.

En versos de Manuel María:

 O SINDICATO é o noso único lar posíbel

                                  fogar

que nos defende  contra a

 explotación/capitalista

C-O-L-O-N-I-A-L

Arma que empregamos

 para loitar  contra os

nosos inimigos;

                   vencello que 

nos xungue como clase e

 nos fai sentir pobo

 conciencia- alerta- colectiva.

Este proxecto colectivo que é a CIG-Ensino construíuse  co contributo, entrega e empeño de todas e todos, sobre uns alicerces sólidos para conseguir a plena liberación como clase social e nación. Desde sempre fomos conscientes de que o sindicato  era a organización do profesorado para mellorar as súas condicións de traballo e para a procura dun ensino galego, público,  democrático, laico e coeducativo.

Medramos e fortalecémonos  na adversidade  con compañeiros e compañeiras que foron desterradas ou represaliadas por impartir aulas no noso idioma. Foi moito o compromiso e vontade  acumulada.  Sermos o baluarte do profesorado  e espello da defensa dun ensino nacional e público é o que nos fai  necesarios e útiles.

 Entre todos e todas conseguimos converternos na organización maioritaria, a de maior incidencia, poder de mobilización e  con máis afiliación que a suma do conxunto das outras organizacións sindicais actuantes  no ensino en  Galiza. E todo isto sen  ningún tipo de ataduras ao poder nin dependencias orgánicas foráneas,

 O noso  modelo sindical nacionalista, de clase, transformador e combativo, xunto coa coherencia, a cohesión interna e a iniciativa  sindical foron fulcrais  para  ir  avanzando. Cómpre agora  redobrar  os esforzos para acrecentar a conciencia de que só con plena soberanía para responsabilizarnos do noso futuro conseguiremos unha educación integramente pública e en galego e unha sociedade xusta e igualitaria. Sempre acreditamos en que a liberación nacional e social son indisociábeis. Non é posíbel a emancipación social  en nacións oprimidas, xa que a contradición de clase está condicionada e caracterizada pola dependencia política e económica.

 Padecemos unha españolización voraz que procura arrasar con todo o que nos identifica  como pobo, converténdose nun elemento eficaz para destruírnos e impedir exercermos como nación. O españolismo continúa a inocular no imaxinario colectivo a inviabilidade de sermos unha nación libre. Impón un sistema educativo que estigmatiza  o propio, oculta a nosa historia  e cultura e prohibe o ensino en galego coa pretensión de perpetuar  a dependencia e dominación de Galiza e negar todo o noso ser colectivo.

O capitalismo, na súa fase  neoliberal, amosa nas nacións dependentes e con gobernos ao seu servizo,  como en Galiza,  a súa faciana máis cruel e destrutiva. Son tempos de involución, de sobreexplotación  e dunha españolización exacerbada. Sabemos que a  transformación dunha sociedade é lenta e difícil,  mais como di  o verso  de Novoneyra   “ non, a forza do noso  amor  non pode ser inútil“. Por iso, para termos unha Galiza  de noso é imprescindíbel ir acumulando conciencia e  forza.

Vivimos  en tempos difíciles, de moita  confusión política e ideolóxica, de renuncia a actuar como pobo para pregarse a estratexias foráneas que nos seguen negando como nación. Mais nós acreditamos nun futuro galego e por iso formamos parte do movemento nacionalista. Como  deixou dito Castelao “ nós temos fe no noso pobo e moi logo o noso pobo terá fe en nós”.

Nun momento como o actual, de asañamento contra a clase traballadora e o nacionalismo, de perda de dereitos  e precariedade extrema, é mais necesario que nunca  rearmarse ideoloxicamente e ter sempre presente que as nosas arelas iniciais seguen intactas e os nosos principios son irrenunciábeis. Sen poder decidir por nós mesmos será imposíbel termos un ensino galego e, por iso, é primordial incidir na concienciación para termos un profesorado  implicado coa nosa cultura e a nosa lingua. En definitiva, un  profesorado que se converta nun axente activo da galeguización do ensino  e  dunha  educación  ao servizo de Galiza.

Ao longo destes anos, especialmente nos últimos 16 anos, como  secretario nacional, tiven a grandísima fortuna de compartir o traballo sindical con compañeiras e compañeiros comprometidos, cabais, nobres  e de grande humanidade, dos bos e xenerosos. Dos que, en palabras de Bertolt Brecht loitan toda a vida e son os imprescindíbeis.  Hoxe catro desas persoas Marta da Costa, Duarte Correa, Xosé Lois Ribeira, despois de moitos anos, e  Paula Bergantiños deixan a executiva; outras xa se xubilaron ou se xubilan e as máis, desde os centros de traballo ou liberadas,  continúan  estando á fronte do sindicato e responsabilizándose  do traballo diario. Para todas elas só teño palabras de agradecemento e afecto pola súa inmensa camaradería e xenerosidade. 

 E remato afirmando que todos e todas nós sentímos galegos e galegas en cada poro que nos  habita.

A terra que amamos é a nosa  patria.

Nacemos e somos clase traballadora, á que nos debemos e pola que loitamos.

Esta é a nosa razón de ser  e de existir  até a vitoria final.

Moitísimas grazas polo voso afecto e cariño".

Volver