O Xulgado anula o concurso de privatización do servizo de bombeiros/as da Deputación de Ourense

A CIG, impulsora do recurso, reclama a recuperación para o ámbito público dun servizo esencial para a cidadanía

Ourense -

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense vén de anular o acordo adoptado polo Consorcio Provincial de Salvamento e Emerxencias da Deputación en 2016 mediante o que se convocou o concurso público para a privatización dos parques de bombeiros/as de Verín, A Limia, Valdeorras e O Carballiño. Dende a Unión Local da CIG de Verín e A Limia, impulsora do recurso, reclaman a recuperación para o ámbito público dun servizo esencial para a cidadanía.

A sentenza, que estima o recurso presentado pola Unión Local da CIG de Verín e A Limia, foi feita pública hoxe por responsábeis do sindicato nunha rolda de prensa celebrada na sede da Unión Comarcal de Ourense. Na comparecencia explicaron que tras a disolución dos consorcios comarcais de bombeiros/as de Verín, A Limia e Valdeorras e a súa integración no constituído Consorcio Provincial de Salvamento e Emerxencias, a Deputación de Ourense, impulsora do ente, decidiu privatizar o servizo unificado de bombeiros/as e, tras o procedemento de concurso público correspondente, acordou a súa adxudicación á empresa privada Veicar. 

A decisión  xudicial afecta  aos consorcios de bombeiros/as do Carballiño, da Limia, de Verín e de Valdeorras

Posteriormente, e unha vez analizados os pregos de cláusulas do concurso, a CIG de Verín e A Limia, considerou que a convocante incorría, polo menos, en dous defectos que podían tornar nulo o procedemento: a falta de negociación cos representantes do persoal dos consorcios comarcais absorbidos e a posíbel cesión ilegal de traballadores/as ou grupo patolóxico de empresas, ao entender que o empregador real era o propio Consorcio Provincial e non a futura empresa adxudicataria do servizo.

O titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense vén de darlle a razón á CIG ao declarar nula a convocatoria do concurso pola falta de negociación denunciada, deixando aberta a posibilidade de instar a unha revisión de oficio de actos nulos contra o acordo final de adxudicación do concurso á empresa Veicar e declarando a existencia de vinculación entre os traballadores/as subrogados/as pola empresa Veicar e o Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense.

Recuperar o servizo para o ámbito público

Ao mesmo tempo, na comparecencia diante dos medios de comunicación a Unión Local da CIG de Verín anunciou que vai dar os seguintes pasos:

1) Solicitará unha reunión coa Deputación Provincial de Ourense para tentar pechar un acordo extraprocesual, previo recoñecemento da condición de traballadores/as do Consorcio aos bombeiros/as contratados/as pola empresa adxudicataria.

2) Analizará a posibilidade, para o caso de que non prospere a saída negociada, de instar a nulidade da adxudicación do concurso e, asemade, de formular reclamación de cesión ilegal de traballadores/as, con recoñecemento do dereito dos bombeiros/as contratados/as por Veicar á estabelecer as súas relacións laborais co ente consorcial ourensán.

Finalmente, dende a CIG consideran que sería razoábel e moi beneficioso para a cidadanía da provincial e para a do resto da Galiza que a Deputación de Ourense “se aviñese a negociar unha saída pactada a este asunto e mesmo que recapacitase e recuperase para o ámbito público un servizo esencial que nunca debeu ser privatizado”.

Volver