O xulgado dálle a razón á CIG e condena a CAPSA a actualizar os salarios conforme ao IPC real

Outeiro de Rei - 24 Out 2023

A CIG e o comité veñen de gañar o conflito colectivo presentado contra Corporación Alimentaria Peñasanta SA (CAPSA) pola negativa da empresa a aplicar a revisión salarial conforme ao IPC real, de acordo co estabelecido no convenio colectivo da planta da Robra (Outeiro de Rei). A FGAMT-CIG agarda agora que a empresa cumpra dunha vez o seu propio convenio colectivo e aplique de inmediato a suba dos soldos.

O comité (con representación única da CIG) xa solicitou unha reunión coa dirección para tratar cando e como procederá á revisión económica e coñecer a vontade da empresa neste sentido, xa que o incremento debe aplicarse a todos os conceptos salariais anuais na diferenza co IPC real de 2022. Isto é, ademais dunha suba do 3,8%, os traballadores e traballadoras tamén cobrarán os atrasos xerados dende o 1 de xaneiro de 2023.

"A resolución xudicial desmonta todos os argumentos de CAPSA, non deixando dúbida de que a revisión salarial haina que facer calculando a diferenza entre o incremento anual acordado e o IPC real, como vía para garantir o mantemento do poder adquisitivo", subliña Christian López Carmona, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña.

Lembra ademais que esta cláusula de revisión está pactada en covenio para os anos 2022 e 2023, polo que dentro duns meses tocará prodecer á actualización salarial conforme ao IPC real de 2023.

Por iso, agarda que a empresa (que comercializa marcas tan coñecidas como Larsa e Central Lechera Asturiana) non  interpoña recurso e  opte polo cumprimento do pactado e recoñecido na sentenza, "apostando así por recuperar a paz, normalizar as relacións laborais e recuperar a confianza perdida, sobre todo na perpectiva da próxima negociación do novo convenio colectivo".

Neste senso, López Carmona lamenta o tensionamento innecesario que provocou a empresa coa súa actitude, obrigando o persoal a ter que mobilizarse e recorrer a vía xudicial para defender os seus dereitos salariais, "cando tiña unha solución doada".