Declarado improcedente o despedimento da técnica de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo

A CIG reclama a incorporación inmediata da traballadora

Vimianzo -

Neste mes de maio, mes das Letras Galegas, un xulgado de Lugo vén de recoñecer o despedimento improcedente da técnica de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo. A traballadora viña prestando servizos neste municipio e no  de Zas dende o ano 2015 por un servizo compartido mediante distintos contratos temporais, aínda que a entidade que a contrataba era o Concello de Vimianzo.

Nesta sentenza o xuíz dáballe á entidade local a posibilidade de readmitir a traballadora ou ben indemnizala por despedimento. O Concello de Vimianzo optou por despedila e pagarlle a indemnización correspondente, a pesar de que a traballadora, que cesou no seu posto o día 31 de decembro de 2017, está actualmente seleccionada para ser contratada de novo como técnica de normalización lingüística por ser a aspirante que acadou unha maior puntuación no proceso selectivo que se celebrou o 16 de febreiro de 2018.

A CIG esíxelle ao Concello de Vimianzo que cumpra a legalidade e recoñeza o carácter indefinido da relación laboral e que proceda de maneira inmediata á súa incorporación, xa que ademais esta traballadora superou unha vez máis o proceso selectivo. "Non existe ningunha xustificación para atrasar a súa incorporación, a non ser que se faga con intencionalidade debido precisamente a que interpuxo unha reclamación xudicial, o cal suporía unha práctica absolutamente rexeitábel".

Ademais, a central sindical reclama a súa incorporación "polo importante e necesario traballo que desenvolve na posta en valor e na promoción e normalización do noso idioma constantemente agredido polo Goberno da Xunta. Agardamos que o Concello de Vimianzo non se converta tamén en cómplice da falla de apoio á nosa lingua".

Volver