Promoven unha homenaxe ao Che Guevara no 50 aniversario do seu asasinato

Os actos comezarán cunha palestra o 10 de outubro ás 20:30 h na Libraría Pedreira en Compostela

Nacional -

Neste mes de outubro cúmprense 50 anos do asasinato do Che en Bolivia, nunha operación dirixida polos servizos de intelixencia norteamericanos. Diante desa efeméride, e seguindo o chamamento do Comité Internacional de Conmemoración, diversas organizacións galegas dos ámbitos político, sindical e social adoptaron, no mes de xullo deste ano, a decisión de constituír un Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara.

O Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara considera que a figura e o  pensamento de Ernesto Guevara son merecentes de divulgación, estudo e homenaxe, debido á súa traxectoria de loita, á súa práctica internacionalista e antiimperialista e á lectura dialéctica do marxismo que realizou, comprendendo que a loita dos pobos pola súa liberdade está indisolubelmente unida á loita polo socialismo.

Entende ademais que é preciso recuperar o pensamento de quen foi un dos humanistas e revolucionarios máis importantes do século XX fronte á mercantilización da súa figura por parte de aqueles contra os que sempre loitou.

Actividades

Nese sentido neste mes de outubro iniciarán diversas actividades para cumprir eses obxectivos de homenaxe, estudo e divulgación da figura do Che Guevara. Desenvolveranse palestras abertas ao debate nas sete cidades galegas e en diversas vilas nas que contarán coas intervencións de membros da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, ademais da proxección do documental “Cuando pienso en el Che (testimonio de Fidel Castro)”. A palestra de inicio será o vindeiro martes 10 de outubro ás 20:30 h na Libraría Pedreira de Santiago Compostela.

Tamén se desenvolverán distintas conferencias para coñecer os diversos aspectos desta figura tan relevante do século XX. A primeira dela desenvolverase o xoves 19 de outubro na Facultade de Filosofía da USC en Compostela que será impartida pola socióloga e historiadora cubana María del Carmen Ariet, Coordenadora do Centro de Estudos Che Guevara da Habana.

Ademais das diversas palestras e conferencias que durante estes meses se desenvolverán por toda Galiza para homenaxear a dar a coñecer a figura do Che Guevara co gallo do 50 aniversario do seu asasinato, está tamén previsto realizar no mes de febreiro un gran festival na súa memoria no Teatro Principal de Compostela, onde contarán con referentes do mundo social e cultural da Galiza.

O Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara está aberto á integración e participación activa no mesmo de todas as organizacións galegas que concorden nos obxectivos propostos, e que se queiran sumar a colaborar na organización e participación de todas estas actividades.

Volver