Os carretilleiros/as de GKN reclaman o pago de débedas e o mantemento do emprego

O servizo do que até agora se encargaba a empresa LP vai ser asumido polo grupo Clece
Vigo - 12 Dec 2018

Os carretilleiros/as de GKN, compañía viguesa da automoción, reclaman que se lles garantice que van cobrar o salario íntegro e a paga extraordinaria de decembro, así como o mantemento de todos os postos de traballo unha vez que o servizo, do que até agora se ancargaba a empresa Logistic Packaging (LP), vai ser asumido polo grupo Clece. O persoal ten convocada unha protesta diante da empresa este venres día 15 de 13:15 a 14:15 horas.

Dende o comité de LP, presidido pola CIG, explican que os problemas na empresa subcontratada por GKN para desenvolver traballos de loxística sucédense dende o verán como consecuencia das débedas que a compañía mantén con Facenda e coa Seguridade Social, até o punto de que o cadro de persoal recibe as mensualidades con varios días de atraso. 

O persoal convocou unha protesta diante de GKN este venres de 13:15 a 14:15

Agora, unha vez que GKN anunciou que lle rescinde un contrato que a partir do vindeiro día 15 pasará a asumir o grupo Clece, os 84 traballadores/as corren o perigo de que ninguén lles abone os o salario correspondente aos primeiros 15 días de decembro, as horas extra, as vacacións non gozadas e a paga extra pactada coa anterior empresa para compensar a diferenza entre o convenio que lles aplicaba e o que realmente lles tiña que aplicar.

De feito, até hai catro anos a empresa aplicáballes o convenio de Comercio de Artes Gráficas, mais unha sentenza que chegou a finais de 2014 tras unha denuncia da CIG recoñeceulles o dereito a gozar das condicións laborais establecidas no convenio provincial do Metal de Pontevedra. Dende entón as condicións laborais están equiparadas, a excepción dos salarios,o que motivou a convocatoria de mobilizacións que finalmente foron suspendidas ante a chamada da empresa.

Plan de equiparación salarial

A representación sindical e a dirección acordaron entón un plan de equiparación que debera culminar en 2020, pero as débedas con Facenda e a Seguridade Social levaron a empresa a anunciar que non faría fronte aos pagos. Os empregados/as están negociando con Clece para que os asuma, pero a compañía négase a considerar a asunción do servizo como unha subrogación e si como unha cesión de traballadores/as para non ter que facerse cargo das débedas da empresa saínte. Iso si, amósase disposta a respectar a antigüidade do persoal.

O que tampouco está disposta a asumir Clece é o cadro de persoal na súa totalidade, e xa anunciou a súa intención de non contratar a sete traballadores/as das oficinas de Mos, que deste xeito quedarían na rúa, ao pretender incorporar unicamente ao persoal de fábrica. Dende o comité rexeitan este despidos e demandan unha solución inmediata para os afectados/as.

Entenden ademais que a dirección de GKN ten que tomar cartas no asunto para solucionar unha problemática da que veñen avisando dende o verán e á que se chegou pola mala xestión de LP e por deixadez da propia GKN. “A única saída que nos dan é que xa cobraremos do Fogasa, porque LP non ten nin liquidez nin patrimonio”, denuncian.

Diante disto, solicitaron unha xuntanza coa dirección de GKN e anunciaron a convocatoria dunha protesta diante da empresa o vindeiro venres 14, último día que traballarán baixo as ordes de LP. A concentración, que aproveitarán para informar da súa situación ao persoal de GKN, desenvolverase de 13:15 a 14:15 horas.