Os catro comités de empresa de Seaga apoian a manifestación dos axentes ambientais e forestais

Súmanse ás reivindicacións do colectivo e chaman os brigadistas a participar na mobilización de Vigo
Nacional - 20 Ago 2018

Os comités de empresa de Seaga nas catro provincias galegas amosaron hoxe o seu apoio á manifestación convocada polos axentes ambientais e forestais da Xunta para este mércores 22 en Vigo. A representación do persoal súmase ás reivindicacións do colectivo e fai un chamamento aos brigadistas a participar na mobilización, á que acudirán cunha faixa propia.

Os catro comités de empresa de Seaga, presididos pola CIG, trasladaron hoxe o seu apoio público á manifestación convocada polo comité de folga dos axentes forestais e ambientais (CIG e UGT) en defensa do patrimonio natural galego e para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo.

Dende a representación sindical dos traballadores/as de Seaga fan un chamamento ao conxunto dos brigadistas para que participen na manifestación que sairá da Praza dos Cabalos ás 19:00 horas e á que acudirán cunha faixa propia.