Os coidados estarán no centro da negociación colectiva en tempos da Covid

A CIG defende a redución da xornada laboral para repartir o tempo de traballo e baixar o paro
Nacional - 12 Xan 2021

A negociación colectiva xoga un papel fundamental para poder combater a pobreza laboral e dignificar as condicións laborais e salariais. Porén, so pretexto da pandemia provocada pola Covid-19, está practicamente paralizada. Se á altura do mes de decembro xa se asinaran 152 convenios, que atinxían a 205.000 traballadores e traballadoras, en 2020 só se negociaron a metade e atinxiron a apenas 77.000.

A prevalencia dos convenios de empresa traduciuse en incrementos salariais dun 0,3% en 2020, con xornadas de catro horas máis que na media anual do Estado ou oito horas máis, no caso dos convenios de sector. 

A prevalencia dos convenios de empresa traduciuse en incrementos salariais dun 0,3% en 2020

A patronal aproveitou a Covid para imposibilitar a celebración de asembleas ou o reparto de información nos centros de traballo e promoveu un modelo telemático de negociación que dificultou a comunicación coas traballadoras e traballadores. Un modelo que denuncia o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, que defende a necesidade de recuperar as xuntanzas físicas garantindo as necesarias medidas de prevención.

Ás consecuencias da Covid, González Sío engade a limitación da negociación colectiva por parte dos sindicatos españois e a patronal, que o supeditan todo ao diálogo social “furtando o dereito das traballadoras e traballadores galegos a negociar desde Galiza as súas condicións laborais”.

A CIG ten elaborado unha plataforma de mínimos para encarar a negociación colectiva en 2021 que ten especialmente en conta as situacións que se están a vivir nos centros de traballo por mor da pandemia, en cuestións como a adaptación de xornada para a atención da poboación vulnerable, nomeadamente maiores e crianzas, coas solicitudes de coidados; de redución de xornada; xornadas intensivas ou licenzas remuneradas.

Perda de salario

A plataforma contempla tamén compensacións de salario nas continxencias comúns e nas corentenas derivadas da Covid, porque isto “está provocado unha perda de salario por parte das traballadoras e traballadores” ou medidas para que as e os eventuais, que perderon os seus postos de traballo na primeira parte da crise sanitaria, recuperen os seus empregos.

Canto aos ERTE, González Sío subliña os grandes problemas que houbo, e que se repetiron nesta segunda vaga, cos atrasos dos pagamentos e considera que ten que se negociar tanto a compensación ao 100% como o pagamento inmediato, porque “hai traballadores que levan meses sen percibir esa contía tan necesaria para vivir”.

Xunto a isto a CIG demanda o control das novas formas de explotación laboral que provocan que un 60% da clase traballadora galega estea por debaixo dos 15.000 euros de retribución anual. Para isto defende ter un especial control das ETT; da contratación a tempo parcial; a prohibición das empresas multiservizos ou a obriga de que se aplique nos Centros Especiais de Emprego e na subrogación o convenio de sector.

Redución da xornada laboral

A CIG defende tamén a introdución de medidas que favorezan a redución da xornada laboral para posibilitar un reparto do tempo de traballo e poder baixar a taxa de paro. Canto aos salarios, a central sindical denuncia que, na maioría dos convenios de carácter estatal, aínda non aplican o SMI actual porque teñen as táboas salariais sen actualizar.

Aínda que este ano vai acabar co IPC en negativo, é previsible unha suba do PIB no momento no que a vacina comece a funcionar e a actividade volva á normalidade. Daquela poderíase producir un incremento do IPC e “se non hai cláusulas de garantía salarial haberá unha elevada perda de poder adquisitivo por parte da clase traballadora”. Por iso a CIG defende a súa inclusión en todos os convenios.