Os colectivos laborais de Política Social rebélanse contra a precariedade
Os servizos sociais, xunto co ensino, a sanidade e o sistema de cobertura, conforman a base do denominado estado de benestar. A política social é unha competencia de goberno que corresponde á Xunta de Galiza, pero en lugar de destinar esforzos orzamentarios a fortalecer unha rede de atención pública universal, o obxectivo do PP vai dirixido a precarizar, desmantelar e privatizar estes servizos.
Os servizos sociais, xunto co ensino, a sanidade e o sistema de cobertura, conforman a base do denominado estado de benestar. A política social é unha competencia de goberno que corresponde á Xunta de Galiza, pero en lugar de destinar esforzos orzamentarios a fortalecer unha rede de atención pública universal, o obxectivo do PP vai dirixido a precarizar, desmantelar e privatizar estes servizos.
Este modelo de coidados ten convertido a Consellaría de Política Social nun foco permanente de conflitividade tanto por parte do persoal que reclama condicións laborais e salariais dignas, como da cidadanía que protesta pola baixa calidade, a desatención e a insuficiente cobertura dos servizos e prestacións.
A práctica totalidade dos colectivos laborais adscritos ao departamento dirixido por Fabiola García están en loita: residencias e centros de día privados, Servizos de Axuda no Fogar, centros de protección de menores e reforma, atención á discapacidade e centros privados de educación infantil 0-3.
Malia seren actividades diversas, as traballadoras e traballadores comparten dúas características comúns: prestan servizos públicos en centros privados, adxudicados a empresas privadas ou que funcionan mediante concertos; e teñen convenios colectivos de condicións moi precarias que xa quedaron por debaixo do SMI -ou apenas superan o salario mínimo-, e que non recoñecen tampouco o carácter básico das tarefas que desenvolven.
A folga e a mobilización preséntanse como o único camiño para reverter esta realidade, avanzar en dereitos fronte a explotación patronal e poder forzar un cambio radical nas políticas públicas que dignifiquen os traballos de coidados e garantan unha atención decente ás persoas.
Residencias e SAF
As traballadoras de residencias privadas de maiores e centros de día e de SAF levan meses secundando folgas e mobilizacións para reivindicar convenios colectivos xustos. Malia as xustas demandas, a consellería non só ignora a súas responsabilidades, senón que intensificou a política de privatización de centros residenciais, recortou as ratios e mesmo pretende criminalizar o persoal pola súa exemplar loita.
Esta permisividade da administración fortalece as posicións patronais de ambos sectores que non queren sentar a negociar, mentres CCOO e UGT permanecen desaparecidas. Hai que lembrar que o convenio galego de residencias caducou en 2023 e o de axuda no fogar está sen actualizar dende 2012 sen convenio e as traballadoras nin sequera dispoñen de medidas de protección adecuadas.
Folga en Ponteareas
A xusta medida da situación nas que se presta a axuda a domicilio (unha competencia que a Xunta desviou aos concellos sen os recursos necesarios) atopámola no SAF de Ponteareas, localidade na que as traballadoras comezaron unha folga indefinida o 16 de outubro para esixir a rescisión do contrato coa empresa concesionaria, Óbolo, ante os múltiples e reiterados incumprimentos.
Nun exercicio de crueldade e maltrato institucional, Goberno local, en mans do PP, en troques de obrigar a empresa a cumprir co prego de condicións e coas súas obrigas legais, opta por criminalizar a loita das traballadoras, consentindo que Óbolo prosiga coa súa estratexia de atrasar a negociación e dilatar a resolución do conflito.
Folga o 6 de novembro
Os colectivos de atención á discapacidade, educación infantil 0-3 anos e protección e reforma de menores, logo de protagonizar diversas mobilizacións nestes últimos anos (con varias xornadas de folga no caso das escolas infantís de xestión privada), acordaron unir forzas e ir a unha folga conxunta o 6 de novembro por primeira vez na historia de Galiza.
Nos tres casos, as traballadoras e os traballadores demandan un convenio galego para cada sector, por ser a única vía real e posíbel para darlle resposta ás reivindicacións laborais, dado que os estatais, negociación tras negociación, non resolven a precariedade existente. Ademais os convenios galegos serían garantistas ao prevalecer sobre os estatais.