Os datos do Mercado de Traballo en 2015 confirman que ter hoxe un traballo non garante saír da pobreza

O 31% de asalariados/as en Galiza tivo uns ingresos dun máximo de 6.800 euros anuais

Compostela -

Os Gobernos central e galego, sustentados polo PP, repetiron como un mantra en 2015, que estabamos saíndo da crise. Porén, este período de reformas laborais, ‘austeridade’ e recortes de todo tipo en políticas sociais deixa tras de si un regueiro de vítimas: miles de galegas/os desempregados/as, de traballadores/as pobres, de excluídos/as aos que xa nin se lles recoñece o dereito a cobrar unha prestación e miles de mozos/as que tiveron que recorrer á emigración como única alternativa laboral.

Así se recolle no Informe do Mercado Laboral en Galiza no ano 2015 elaborado polo Gabinete de Economía da CIG a partir de datos oficiais: Axencia Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social ou Servizo Público de Emprego Estatal.

Un Informe que foi presentado polo secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, e pola responsábel do Gabinete Natividade López Gromaz, onde se salienta a reaparición da figura, esquecida desde o remate do franquismo, do traballador ou traballadora pobre, situación á que se chega, tal e como se tira deses datos, nuns casos polos salarios de miseria, noutros casos pola temporalidade da contratación, noutros polas xornadas parciais e nos máis, por todo á vez.

E isto, cando as traballadoras e traballadores conseguen ese traballo en precario porque, tal e como explicou Malvido, do contrario “estariamos falando das miles de mozas e mozos menores de 35 anos que marcharon de Galiza á emigración”, facendo de novo o percorrido que fixeron os seus pais ou os seus avós.

Traballadores/as pobres

O informe salienta que houbo un descenso dos salarios da maioría da poboación asalariada en termos reais, xunto cun descenso do número de asalariados/as; que o único grupo de traballadores/as que medra en Galiza é o de aqueles/as que cobran menos da metade do SMI, que representa xa o 18,4% dos asalariados/as, cando en 2009 eran o 14,5%; que houbo un 12,7% con ingresos entre a metade do SMI (6.800 euros anuais) e que hai un 0,4% do total de traballadores/as que, pola contra, tiveron uns ingresos superiores a 141.375 euros.

Este descenso nos salarios ten o seu reflexo, segundo Natividade López Gromaz, no peso das rendas do traballo no PIB, que en 2009 representaban o 48% das totais e en 2014 o 44,6% mentres ocorre xusto o contrario coas rendas do capital, que pasaron de pesar un 43,6% en 2009 a un 45,5% en 2014.

Para Miguel Malvido isto evidencia a crítica situación na que se atopa a maioría da clase traballadora galega. Neste sentido lembrou que segundo a Carta Social Europea considérase que un traballador ou traballadora que teña uns ingresos inferiores ao salario medio estaría no limiar da pobreza. “Se o 61% das asalariadas e asalariados galegos non chega a ese salario medio, estamos logo falando de que a inmensa maioría está instalada ou ben na pobreza ou ben ao límite”.

Redúcese a taxa de paro sen que apenas se cree emprego

O ano 2015 remata con 67.000 desempregados/as máis que os rexistrados ao inicio da crise, a principios de 2008. A taxa media de paro situouse no 19,3%, o que supón un descenso en 32.400 persoas, pero a poboación ocupada apenas medrou en 19.900.

Se ben o paro rexistrado descendeu, de media, en 23.516 persoas respecto de 2014, “non todo o descenso se traduce en incremento de emprego”, afirmou López Gromaz. “Unha boa parte deste é debido á caída da poboación activa, ben sexa pola emigración, por envellecemento ou por outros factores”.

De feito estimou que en Galiza hai, desde o ano 2010, un total de 124.400 persoas menos de entre 16 e 34 anos. Parello a isto perdeuse poboación activa globalmente neses cinco anos -43.700 persoas- e sendo isto grave, moito máis o é que esa baixada afecte exclusivamente aos/ás menores de 34 anos, entre os cales o descenso foi de 104.700 persoas.

Nesa franxa de idade hai, nese período (2010-2015) preto de 100.000 ocupados/as menos e tal é o impacto dese descenso que en 2010 as persoas menores de 35 anos representaban o 31% de ocupados/as e a finais de 2015 só o 24%.

Obviamente, xunto o descenso de poboación activa houbo tamén un descenso de poboación ocupada e desde 2008 perdéronse un total de 193.700 postos de traballo, co que o legado dos gobernos de Feijoo é que Galiza pasou de contar en 2008 con 1.201.200 ocupados/as a apenas superar o millón e 2015.

Dos datos tírase ademais que a maioría do emprego destruído nestes anos estaba ocupado por varóns, concretamente o 73,8% e que en 2015 todo o emprego recuperado, o 73%, foi cuberto tamén por homes.

203.500 asalariados e asalariadas asinaron unha media de 4 contratos no ano

No ano 2015 estímanse en 203.500 os asalariados/as con contrato temporal, que se repartiron os 813.088 contratos temporais rexistrados, o que nos dá unha media de 4 contratos por traballador/a e ano. A taxa de temporalidade sitúase no 25,4%.

De feito, foron os contratos temporais os que máis medraron –nun 12,1%- no último ano e dentro dos temporais, foron os de menor duración os que experimentaron maiores incrementos. Concretamente os contratos de menos de unha semana aumentaron un 14,2% e representaron o 30,7% do total dos contratos.

Malia as cuantiosas axudas que hai, apenas o 7,4% dos contratos rexistrados se asinaron baixo algunha modalidade de contratación indefinida. Ademais, as modalidades que acaparan a inmensa maioría dos contratos son por obra ou servizo determinado e eventuais por circunstancias da produción.

Ademais a xornada a tempo parcial representa o 14,3% do total. Deste xeito, estímanse uns 106.200 empregados/as menos a xornada completa e 18.900 máis a tempo parcial.

Diante destes datos, o secretario confederal de Emprego cualificou a situación de “alarmante” e preguntouse “de que vale ter hoxe un emprego nestas condicións, se non permite ter a máis mínima perspectiva de futuro.”

O Informe recolle tamén que desde que se iniciou a crise en Galiza, o descenso da afiliación foi de 137.088 persoa coas, un 12,7% menos, aínda que medrara levemente en 2015.

Exclusión social

A CIG vén advertindo do risco real de exclusión social que sofre unha cada vez maior porcentaxe de traballadores/as desempregados/as. Tal é así que a partir de 2010, mentres o desemprego segue medrando, diminúe a taxa de cobertura e se en 2014 apenas o 52,4% de parados/as recibía algún tipo de prestación, en 2015 situouse, de media, no 49,1%.

Diante deste panorama, o secretario confederal de Emprego lamentou que a ILP de Medidas para a Creación de Emprego impulsada pola CIG e rexeitada no seu momento polo PP, que aplicou o rodillo da súa maioría parlamentaria, “non se tivera presentado agora, en ano electoral, para que polo menos tiveran a ben debater algunha das 100 medidas que se propuñan para abordar e dar solucións á grave situación do emprego en Galiza”.

Volver