Os datos do paro do mes de setembro amosan unha nova baixada da afiliación á Seguridade Social en Galiza

Os cotizantes descenden en máis de 6000, mentres que os desempregados/as medran en 1291

Vigo -

Galiza rematou o mes de setembro cun novo incremento do paro e un descenso da afiliación á Seguridade Social. Os cotizantes baixaron neste período en máis de 6000, mentres que o incremento dos desempregados/as foi de 1291, alcanzando un total de 194.336. Este desfase entre o número de afiliados/as que se perden e o de parados/as que aumentan explícase pola emigración e polo desánimo ou a perda de confianza no Servizo Público de Emprego, xa que moita xente optaría por non anotarse.

O mes de setembro remata un ano máis remata cun incremento das persoas desempregadas en Galiza. Neste 2016 o aumento foi do 0,67%, o que equivale a 1291 persoas máis, polo que a cifra total de parados/as rexistrados/as nas oficinas do Servizo Público de Emprego (SEPE) sitúase en 194.336. Na media do Estado o incremento foi lixeiramente inferior e atinxiu o 0,62%.

Con todo, este aumento do paro rexistrado non amosa con claridade a perda de emprego (tan só o das persoas rexistradas no SEPE) xa que a perda de afiliados/as á Seguridade Social foi moito maior que o medre dos desempregados/as. A afiliación media descendeu un 0,6% con respecto a agosto, o que equivale a 6218 cotizantes menos. Este desfase explicaríase polo aumento da emigración e polo desánimo ou perda de confianza no SEPE.

É no sector servizos, co remate das contratacións temporais vinculadas ao período estival, onde se produce a maior suba no número de desempregados/as. No caso de Galiza, neste sector medrou o desemprego un 1,86% (1,60 na media estatal). Ao mesmo tempo, o sector industrial galego, ao contrario que no cunxunto do Estado, rematou o mes con máis desempregados/as que en agosto, concretamente un 0,67% máis.

A pesar do descenso da afiliación media e do aumento do paro, o número de contratos rexistrados continúa medrando (un 6,8% no mes de setembro). No noso país formalizáronse neste período un total de 93.788 contratos, que foron maioritariamente de carácter temporal. Trataríase de contratos cunha duración moi escasa e de rotación moi elevada, tendo en conta que a pesar dos preto de 100.000 contratos rexistrados máis contabilizáronse 6000 afiliados/as menos.

Consolidación do traballador/a pobre

O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, denuncia que estes datos amosan un incremento da precariedade laboral e consolidan a figura do traballador/a pobre, cada vez máis maioritaria no noso país: as persoas con dificultades para chegar a fin de mes a pesar de ter un emprego. Ademais, considera especialmente preocupante que o desemprego medre, ademais de no sector servizos tras o remate do período estival, na industria, precisamente o sector que máis capacidade ten de xerar emprego estábel e de calidade.

Diante disto, Malvido reitera a aposta da CIG por un cambio radical nas políticas económicas, laborais e sociais que permita a recuperación dos dereitos recortados polos Gobernos do PP e do PSOE no Estado e na Xunta e que pasaría en primeiro lugar pola derrogación das sucesivas reformas laborais. 

Volver